«PRADOLONGO» COMEZA A SÚA CARREIRA NOS CINES CUNHA ENTUSIASTA ACOLLIDA DO PÚBLICO

18 / 03 / 2008

Cifras récord nos cines de A Rúa e O Barco de Valdeorras onde se proxecta a película: máis de 1.600 espectadores tan só entre sábado e domingo. En todas as sesións dos dous días producíronse colas e moita xente quedou sen entrada. O boca-orella está a ser clave na difusión dunha película á que acuden espectadores de todas as idades. O pasado venres 14 estreábase nos cines de A Rúa e O Barco de Valdeorras «PRADOLONGO», a película de Ignacio Vilar rodada en Ourense e producida por Vía Láctea Filmes. A película irá chegando paulatinamente ao resto das cidades galegas nas próximas semanas, pero xa podemos adiantar que os datos de espectadores da primeira fin de semana en A Rúa e O Barco son inéditos xa non para unha película galega, senón para calquera filme que ten chegado aos cines da comarca.

A película ven de xuntar tan só nas sesións de sábado e domingo a máis de 1.600 espectadores (en tan só dúas salas de A Rúa e O Barco). Durante toda a fin de semana veñen de producirse colas nos dous cines nos que se proxecta, e de feito en varias sesións a xente non puido acceder por estar esgotadas todas as localidades.

Lembramos que «PRADOLONGO» é unha película feita e falada en galego de Valdeorras, e que achegou aos cine a público de todas as idades, cunha moi alta porcentaxe de público xuvenil.

No filme cóntase unha historia de amizade e entrada no mundo adulto por parte de tres rapaces (interpretados por Rubén Riós, Tamara Canosa e o debutante Roberto Porto) da comarca de Valdeorras, e que ben poden reflexar certa realidade da mocidade galega. Os primeiros amores de instituto, a busca de saídas profesionais, a preocupación polo entorno, a ecoloxía, e as relacións coa súa famila e entorno son elementos ate o de agora case non foron tratados no noso cine. A realidade dos pais e das familias dos protagonistas tamén teñen un importante reflexo na película, con personaxes interpretados por Mela Casal, Gonzalo Rei Chao, Antonio Mourelos, Belén Constenla, etc.

Sendo unha película falada íntegramente en galego a distribución comercial tentará achegarse directamente aos espectadores cunha campaña de presentacións en colexios, instituos e asociacións, co apoio do boca-orella e internet, así como de outras canles e axentes que se van unindo a PRADOLONGO, con actuacións que iremos desvelando nos vindeiros días.

A película estará no resto das cidades galegas a partir das seguintes datas:
– 28 de marzo en Ourense
– 4 de abril en Vigo
– 11 de abril A Coruña
– 18 de abril Pontevedra e Narón

Producida por Vía Láctea Filmes, PRADOLONGO conta coa participación de TVG e coa axuda da Dirección Xeral de Creación en Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deportes da Xunta de Galicia, da Axencia Audiovisual Galega, da Deputación de Ourense, asi como coa colaboración da Secretaría Xeral de Comunicación Audiovisual e Turgalicia.

Máis información do filme: www.pradolongo.net

Categoría: Noticias
Etiquetas: