Foro Academia Abierta 2013

Patrocinadores

Como resposta á demanda didáctica de alto nivel por parte dos profesionais do sector audiovisual galego que actualmente non se está a cubrir, a Academia propuxo un ano máis, o terceiro dende a primeira experiencia, un Foro Academia Aberta centrado na formación.

Os primeiros en visitar Galicia con ista formulación foron dous cineastas de primeiro nivel como Nacho Vigalondo e Eduardo Chapero – Jackson, que impartiron sendas masterclasses e compartiron os seus coñecementos, experiencias e opinións cos asistentes. Na seguinte quenda foi o director artístico Félix Murcia quen se achegou á nosa comunidade para falarnos do deseño de arte no cine.

Neste 2013 a Academia repetiu a experiencia, dirixindo esta masterclass a outra rama dentro do audiovisual: a dirección de fotografía. Para isto convidou novamente a un profesional destacado nesta rama, o director de fotografía Xavi Giménez.

Así, os días 12 e 13 de decembro o Plató da Escola de Imaxe e Son de A Coruña acolleu a XI edición do Foro Academia Aberta e os seus 36 participantes.

MASTERCLASS “A DIRECCIÓN DE FOTOGRAFÍA”

Xavi Giménez comezou a masterclass facendo unha pequena introducción do que ían ser as oito horas do obradoiro. A continuación somerxeu nunha pequena visualización aos alumnos para que así se decatasen do importante que era visualizar dun xeito ou outro as accións, momentos e situacións escritas nun guión para levalo a cabo na rodaxe.

En numerosas ocasións Xavi empregou o material de iluminación que había no plató para demostrar e asentar algúns dos conceptos teóricos que introduciu aos asistentes.

Para axudarse durante a súa exposición botou man de varios filmes, cos que tamén mostrou aos asistentes a importancia da coherencia lumínica nas obras. Xavi falou dende a súa propia experiencia compartindo a súa forma de traballar e abordar os proxectos e achegando as súas propias anécdotas, así como respostando ás dúbidas e inquedanzas dos asistentes.

O Foro Academia Aberta 13: “A dirección de fotografía” con Xavi Giménez foi unha vez máis un punto de encontro entre os profesionais e os estudantes do sector audiovisual alí congregados e o gran director de fotografía de filmes como “El maquinista” (2004), Ágora (2009) e Transsiberian (2008), Xavi Giménez.

Baseándose nas diferentes experiencias profesionais e mostrando tanto aspectos teóricos como prácticos, estas dúas sesións con Xavi Giménez transcorreron nun ambiente enxeñoso e entretido.