PLAY-DOC CONVOCA A MÁIS DE 800 DOCUMENTALISTAS DE TODO O MUNDO

9 / 02 / 2010

O festival internacional de documentais galegos confirma a súa proxección exterior con máis de 800 obras procedentes de todo o mundo, inscritas para participar na sexta edición do certame audiovisual, que se celebrará do 17 ao 21 de marzo.

Play-Doc ultima os preparativos do seu programa de cara a esta vindeira edición na que se poderá gozar de novo dunha coidada selección de documentais de recente produción, e de traballos de coñecidos cineastas como Jay Rosenblatt, Raymond Depardon, ou Boris Mitin, entre outros, o que pon de manifesto a súa clara vocación internacional e o seu marcado carácter independente.

Destaca tamén a importante presenza de cineastas do noso país con especial atención ás producións galegas. Neste sentido Play-Doc, realiza ademais, un importante labor de formación a través de obradoiros, foros e seminarios, dotando de posibilidades aos novos cineastas para entrar en contacto con novas fórmulas cinematográficas da man de destacados profesionais.

Unha das peculiaridades do festival tudense é o seu carácter multidisciplinar, así, na súa programación ofrece exposicións e concertos a cargo dalgúns dos protagonistas das películas que se exhiben durante o certame. Unha fórmula que permitiu contar coa presenza de destacados músicos como Mad Professor, Rosenberg Trio, Thomas Truax, Mostar Sevdah Reunion, Dead Combo, e artistas plásticos tales como Ron English ou o iraniano Jamshid Aminfar.

Recoñecemento internacional

Play-Doc fíxose un oco no calendario internacional dos festivais dedicados a este xénero grazas, entre outras cousas, á ampla lista de recoñecidos realizadores que xa pasaron por este evento, como Lech Kowalski, Victor Kosakovski, Avi Mogravi, Rithy Pahn, Carles Bosch, Audrius Stonys, e un longo etc.Por outra banda, a orixinal combinación entre cinema e outras artes serviu que para que Play-Doc acadase a sorprendente cifra de 30.000 espectadores nas súas pasadas cinco edicións, todo un éxito de convocatoria.

Máis información sobre os contidos do Play- Doc na web:http://www.play-doc.com
Categoría: Noticias
Etiquetas: