O FORO ACADEMIA ABERTA BUSCARÁ ACLARAR O MARCO LEGAL E ADMINISTRATIVO DO AUDIOVISUAL EN GALICIA

21 / 10 / 2009

A Academia Galega do Audiovisual (AGA) celebrará un ano máis o seu Foro Academia Aberta, que dende o seu arranque no ano 2003 converteuse en referencia de debate dentro do sector audiovisual galego. Nesta ocasión, baixo o título “As regras do xogo” debaterase sobre o marco legal e administrativo deste sector estratéxico para Galicia dende o punto de vista da súa economía e da súa identidade cultural, tal e como anunciou está mañá en rolda de prensa Xosé Manuel Olveira Pico, Presidente da AGA.

A edición deste ano terá lugar no Consello da Cultura Galega e constará de tres xornadas nos días 28 de outubro, 5 de novembro e 11 de novembro. Nelas abordaranse as problemáticas legais e administrativas coas que a creación audiovisual galega tense que enfrontar na actualidade e que se amosan como cuestións claves para o éxito do audiovisual galego nos vindeiros anos, por iso a importancia do seu tratamento.

A primeira xornada comezará co acto de inauguración, no que participarán o Conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela; o Secretario Xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro; o Vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Xosé López, e o Vicepresidente da Academia Galega do Audiovisual, Pepe Coira.

A continuación terá lugar a mesa redonda “As leis do audiovisual galego ¿Hai que reformar a lei da CRTVG e a Lei do Audiovisual?”, na que, baixo a moderación de Pepe Coira, debaterán os portavoces dos grupos parlamentarios dos tres grandes partidos de Galicia na comisión da CRTVG: Agustín Baamonde pola parte do PP, José Luis Méndez Romeu en representación do PSOE e Anxo Quintana pola parte do BNG.

A problemática xurdida a raíz do anuncio do Goberno central sobre a nova lei estatal do audiovisual –a piques de iniciar a súa tramitación parlamentaria- no que o ICAA (Instituto de Cine y de las Artes Audiovisuales) primará as subvencións das películas con presupostos maiores a dous millóns de euros e máis de 70.000 espectadores fronte ás producións de menor orzamento, será o principal motivo de debate da segunda xornada, xunto co novo modelo de TVE sen publicidade. Baixo o título “Dous cines en conflicto” sentaranse a debater o director de cine Vicente Aranda, o director e empresario audiovisual Antón Reixa, o director e guionista Alfonso Zarauza, e o productor José Nolla. Mª José Arrojo, directora da Escola de Medios de Comunicación de La Voz de Galicia, será a encargada de moderar a mesa.

O Foro Academia Abierta rematará coa celebración da xornada “O marco administrativo do audiovisual galego. Quen se ocupa do Audiovisual na Xunta de Galicia”. A actriz e anterior Presidenta da Academia Galega do Audiovisual María Bouzas moderará un debate que ten como obxectivo aclarar as competencias en materia de audiovisual na nova estruturación dos departamentos da Xunta de Galicia producida dende o cambio de goberno do mes de marzo. Intervirán na mesa redonda o Secretario Xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro; un representante da Consellería de Cultura e Turismo; o Vicepresidente de AEGA, Jorge Algora; e Xabier Bermúdez en representación da Coordinadora de Asociacións de Profesionais do Audiovisual Galego. 

O Programa

MÉRCORES, 28 DE OUTUBRO

17:30  Acto de inauguración Foro Academia Aberta 2009 “As regras do xogo”.
Inauguran
– D. Roberto Varela, Conselleiro de Cultura e Turismo.
– D. Alfonso Cabaleiro, Secretario Xeral de Medios.
– D. Xosé López García, Vicepresidente do Consello da Cultura Galega.
– D. Pepe Coira, Vicepresidente da Academia Galega do Audiovisual

18:00- 20:00  Mesa “As leis do audiovisual galego. Precisan reformas as leis da CRTVG e a do Audiovisual?” 

Expoñen
– D. José Luis Méndez Romeu, portavoz do grupo parlamentario do PSOE na comisión da CRTVG.
– D. Agustín Baamonde, portavoz do grupo parlamentario do PP na comisión da CRTVG
– D. Anxo Quintana, portavoz do grupo parlamentario do BNG na comisión da CRTVG.

Modera
D. Pepe Coira, Vicepresidente da Academia Galega do Audiovisual.

XOVES, 5 DE NOVEMBRO

18:00 – 20:00  Mesa “Dous cines en conflito?” Reflexións acerca do debate aberto na industria española entre o cine de vocación máis comercial e o de vocación máis cultural, entre o cine de alto orzamento, orzamento medio e baixo orzamento. Son cines en conflito?

Expoñen
– D. Anton Reixa, director e empresario audiovisual, presidente do CLAG.
– D. Alfonso Zarauza, director e guionista.
– D. José Nolla, produtor.
– D. Vicente Aranda, director de cine.

Modera
Dna. Mª José Arrojo, directora da Escola de Medios.

MÉRCORES, 11 DE NOVEMBRO

18:00 – 20:00  Mesa “O marco administrativo do audiovisual galego. Quen se ocupa do audiovisual na Xunta de Galicia?”

Expoñen
– D. Alfonso Cabaleiro, Secretario Xeral de Medios, Xunta de Galicia.

– Representante da Consellería de Cultura e Turismo, Xunta de Galicia. 
– D. Jorge Algora, Vicepresidente de AEGA.
– D. Xabier Bermúdez, representante da Coordinadora de Asociacións de Profesionais do Audiovisual.

Modera
Dna. Maria  Bouzas, actriz.

Patrocinadores e Colaboradores

O Foro está patrocinado pola Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Medios, a  Consellería de Cultura e Turismo, e a Consellería de Industria e Economía. Ademais conta coa colaboración do Consello da Cultura Galega.

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: