“O dixital ampliou as posibilidades da ambición de contar” Juan Pedro de Gaspar | Director de arte

2 / 10 / 2015

Premiado cun Goya por Blackthorn, recén estreada El desconocido, de Dani de la Torre, acaba de rematar en Budapest a segunda parte de Zipi y Zape. Juan Pedro de Gaspar abriu a nova edición do Foro Aberto da AGA, dedicado na edición de 2015 aos efectos dixitais en relación coa dirección de arte e a influencia que sobre ela exerce o traspaso do “analóxico” ao dixital.

-Como cambia o seu traballo no paso do físico ao virtual?
-Vivín a última etapa da dirección de arte á antiga usanza, analóxica por chamarlle así. Traballei en La niña de tus ojos con Emilio Ruiz, que era un mundo con decorados e maquetas. Esa etapa da construción física das maquetas, que sempre tiñan que esta disciplinadas á posición de cámara para que funcionaran. Vivín os inicios do mundo dixital aplicado á dirección de arte e pasamos de ser unha parte do presuposto que case nin se tiña en conta, ou se tiña en conta como unha parte mínima a este momento no que realmente é unha das principais partidas dos presupostos dunha película. Digamos que agora é todo moito máis elástico porque se pode rodar con moita liberdade.

-Hai máis emoción, hai menos emoción? Hai máis ou menos posibilidades?
-Cambiamos o concepto do departamento de construción e, con todos os meus respectos para a xente de efectos dixitais e visuais, o dixital ampliou as posibilidades da ambición de contar. Pero pasa que hai moito ruído no que perderse. Isto é como a arquitectura do aceiro: desde que se descubriu o aceiro ata que se comezou a entender para que valía pasaron cincuenta anos. Sabemos que podemos manobrar en moitos sentidos, pero finalmente o oficio é o mesmo: traballamos para o director e o traballo consiste en xerar as condicións idóneas para que o director conte a súa historia.

-Pola súa experiencia, como afectaron todos estes cambios ao xeito en que os directores ou os produtores pensan as películas?
-Agora, por exemplo, hai unha sensación de posibilidade de corrección que antes non existía. O que ía ao negativo era moi difícil de corrixir. Agora parece que coa postprodución pode ser cambiado, aínda que na realidade non é tan así porque todo iso vale moito diñeiro e non sempre é sinxelo de cambiar. É verdade que si que hai máis elasticidade en deixar pasar segundo que cousas. Os directores e os produtores confían en que a dixitalización axuda á hora de contar unha película. Só hai que comprobar como medraron as partidas de postprodución nos últimos anos ata ser das máis grandes nunha película.

– Acabará por ser todo dixital?
– Vai depender do tipo de película que se queira facer. Haberá maneiras. O xefe de construción que participou en todas as longametraxes da saga de Star Wars, Brian Neighbour, con quen traballei en Green Zone, explicoume como na última película da segunda triloxía fíxose practicamente toda nun plató pintado de azul cuns dados tamén azuis que eran os elementos cos que interactuaban os actores. Non había practicamente nada máis. Haberá proxectos así e haberá cine de Haneke ou como Trueba, a quen lle dá alerxia falar de todas esas cousas. Dependendo da narrativa será unha cousa ou outra.

-Desde o punto de vista profesional, que especialización requiren o dixital?
-O que está sucedendo é que a dirección de arte, ou deseño de produción como lle din os norteamericanos, vaise expandido a medida que aparecen novas tecnoloxías e, polo tanto, se reconverten todas as partes que teñen que ver co aspecto da película. Agora tamén está facendo falta unha maior especialización en cada un dos oficios que teñen que ensamblarse para dar imaxe á película.

Categoría: Análise
Etiquetas: