O CONSORCIO AUDIOVISUAL DE GALICIA APOIA ECONOMICAMENTE O DOCUMENTAL GALEGO CUNHA INICIATIVA PIONEIRA

13 / 03 / 2008

O Consorcio Audiovisual de Galicia continuando o seu labor de promoción e difusión do documental galego convoca a segunda edición do Programa Docs Galicia 08, que presenta importantes novidades con respecto á primeira, entre elas, que as produtoras dos documentais seleccionados recibirán, cada unha delas, unha axuda económica para a promoción e difusión dos seus documentais en mercados e festivais nacionais e internacionais. Esta subvención terá un importe máximo de 4.500 euros.
A primeira edición deste programa xa supuxo unha grande novidade no eido do audiovisual, xa que non existían antecedentes de catálogos exclusivamente de documentais co formato do Docs Galicia 06 e ca proxección de difusión estatal e internacional como a que desenvolveu o Consorcio Audiovisual de Galicia.

De feito, as felicitacións recibidas por esta iniciativa pioneira así o demostran e varias das institucións que recibiron o catálogo amosaron o seu interese por emulalo cos seus propios documentais.

Nesta edición as produtoras contarán, por primeira vez, cun apoio económico adicional de 4.500 euros para promover e difundir os seus documentais ademais da promoción e difusión nacional e internacional que o Consorcio fará do programa.

Colaboracións e difusión internacional

O Consorcio, no seu interese por dar a coñecer internacionalmente o documental galego, tamén colaborou con diversas entidades audiovisuais e culturais como por exemplo:

Festival de documentais de Tui, Play-Doc, onde se presentou o catálogo e tamén se creou o premio Docs Galicia 06 para premiar ao mellor documental da sección Ciclo Foco Galicia dotado con 2.000 euros.

FEIMA (Fundación de Arte Galego de Madrid) para a creación do 1º Festival Audiovisual “Galicia en corto” para a promoción do audiovisual galego e onde se proxectaron os documentais do catálogo Docs Galicia 06.

Instituto Cervantes para a proxección do catálogo, entre outros, en Manila (Filipinas) e en São Paulo (Brasil).

Festival de Encontros de Viana do Castelo (Portugal) para incluír na programación da súa VII edición a proxección dos documentais do catálogo Docs Galicia 06.

Centro Juan Carlos I de Nova York para desenvolver un ciclo de cine galego en Nova York.

Estas colaboracións foron froito dos labores de promoción do Consorcio e tamén da calidade das producións incluídas no catálogo, xa que “A casa da miña avoa” recibiu máis de dez premios, entre os que destacan a mención especial do xurado no Toronto Hot Docs e o premio Joris Ivens no IDFA de Amsterdam, ou “Cambio Climático. O reto do século XXI” que xa foi vendida en catro continentes.

Na súa estratexia de difusión internacional o Consorcio incluíu este programa nas actividades que organizou en paralelo ás misións comerciais desenvolvidas en Brasil e Cuba. De tal xeito que nas Semanas de Cine Galego que tiveron lugar en São Paulo e La Habana, os documentais do catálogo Docs Galicia 06 puideron ser vistos polo público asistente ás mesmas (directores e programadores de festivais, distribuidores, axentes de vendas, expertos e afeccionados ao cine, etc.).

Primeira edición

Na súa primeira edición, dos 19 documentais que se presentaron foron 5 os afortunados que entraron a formar parte do programa: “A casa da miña avoa” (IB Cinema), “A cuarta pista” (Diplodocus), “As voces do Prestige” (Directo Producciones), “Cambio Climático. O reto do século XXI” (TV7) e “Pic-Nic” (IB Cinema).

Para levar a cabo a difusión estatal e internacional do programa elaborouse un catálogo que contiña dous DVDs que presentaban as obras en versión orixinal subtituladas ao inglés e aquelas con versión orixinal en galego tamén se subtitularon ao castelán, para favorecer a súa distribución. Ademais dos DVDs tamén se achegaba unha ficha individual para cada documental que incluía ficha técnica, sinopse e biofilmografía do director en galego, castelán e inglés.

Ademais da promoción e distribución do catálogo nos festivais estatais de documentais máis importantes e tamén nos internacionais (en Europa e América fundamentalmente), atendeuse a vertente cultural deste programa, cuxo catálogo se achegou a máis de 50 medios de comunicación e institucións culturais (centros educativos, institucións e organismos galegos, etc.), filmotecas e institucións estatais con sede no Estado español e internacionalmente, ademais de atender todas as solicitudes que do mesmo se recibiron. En total, distribuíronse máis de 500 catálogos.

Nesta segunda edición, ademais de incorporar as importantes e pioneiras novidades xa citadas o programa Docs Galicia 08 continuará a senda iniciada con Docs Galicia 06 e manterá as colaboracións establecidas, comezando este mes de marzo apoiando ao Festival de documentais de Tui, Play-Doc, cunha achega de 2.000 euros para o premio ao mellor documental galego.

Todos os interesados nesta nova iniciativa do Consorcio poden obter máis información en www.consorcioaudiovisualdegalicia.org e no teléfono 981 545 098.

Categoría: Noticias
Etiquetas: