A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), a Academia Galega do Audiovisual (AGA), Escena Galega e a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas celebran a publicación do informe A situación das traballadoras do sector audiovisual e das artes escénicas en Galicia, realizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) a través do Observatorio da Cultura Galega. O citado informe, presentado hoxe ante os medios, culmina un proceso de dous anos e dá resposta a petición do sector para abordar en clave galega a situación do mundo laboral no noso sector atendendo ás cuestións de xénero. As citadas asociacións impulsaron o estudo en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade que, xunto a Consellería de Cultura, asinou en novembro de 2017 un convenio de colaboración co Consello da Cultura Galega para levar acabo un estudo que, hoxe, xa é unha realidade.

No citado documento, amósanse unha serie de datos que, tal e como destacou hoxe a secretaria do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra, “corroboran unha serie de ideas que intuiamos” sobre as diferenzas laborais dende o punto de vista de xénero e “que xa estaban presentes no debate”. Deste xeito, os datos demostran a desigualdade e a discriminación no sector, o maior acceso dos varóns a papeis de importancia, os roles secundarios, máis estereotipados e máis sometidos a esixencias físicas e de idade destinados ás mulleres, a escasa presenza feminina en ámbitos técnicos, os menores ingresos que acadan as profesionais do sector na comparanza cos seus compañeiros homes, as maiores dificultades para conciliar a vida familiar -común a todos os profesionais, pero con maior incidencia no caso das mulleres- ou as dificultades para acadar traballo no caso das mulleres segundo vai avanzando a idade.

Entre as cifras que cómpre destacar, a presenza das mulleres que traballan nas actividades laborais que representan o sector audiovisual e das artes escénicas é minoritaria con relación a dos homes ao chegar ao 42% fronte ao 58%. No que se refire á relación de emprego e idades, destaca que a media de idade das persoas profesionais no sector atópase nos 37 anos. Porén, o maior número de persoas afiliadas no sector teñen entre 20 e 40 anos: en concreto o 60%. A relación entre ter menos idade e unha maior posibilidade de afiliación é superior nas mulleres que nos homes. O 71,8% das mulleres afiliadas en 2016 tiñan entre 20 e 40 anos, mentres que nos homes esta porcentaxe reducíase ao 53%. Agora ben, obsérvase que a maioría das mulleres afiliadas tiñan 45 anos ou menos (60,4%), mentres que só un 15% superaban os 45 anos. No caso dos homes, os menores de 35 anos ou menos so un 36% do total e un 30% teñen máis de 45 anos. Ao respecto da traxectoria laboral tamén hai datos que demostran os desequilibrios, xa que as diferenzas por sexo na traxectoria dos profesionais destes sectores indican que só tres de cada dez profesionais con máis de dez anos de experiencia son mulleres. Estes son algúns datos dun informe que se poden consultar na web do Observatorio.

A AAAG, Escena Galega, a AGA e a Mostra de Cangas envían este comunicado conxunto para convidar o sector e a todas as persoas profesionais do mesmo a realizar unha fonda reflexión ao respecto das cifras que se desprenden deste informe, así como das súas conclusións cualitativas ás que se chegaron polas entrevistas con corenta profesionais dos ámbitos da escena e do audiovisual. Precisamos que as persoas encargadas da produción, da dramaturxia e dos guións reflexionen sobre os contidos propostos e das dinámicas no ámbito laboral, mais tamén é necesario a implicación non só do conxunto de traballadoras e traballadores do ámbito, senón tamén do público.

Atopámonos nunha tendencia social que aposta por transitar por un camiño de igualdade que, malia atopar constantes atrancos, consideramos xa imparable. O noso sector escénico e audiovisual conta cunha gran responsabilidade neste senso, na medida en que o noso traballo artístico achega á cidadanía unha vía fundamental para a construción de discursos, de imaxinarios colectivos e de sensibilización social. Cómpre, polo tanto, analizar en profundidade a liña do noso traballo, mais tamén as relacións laborais e de poder que se establecen, como en calquera outro ámbito laboral, no noso sector. A reflexión, polo tanto, debe ser tamén interna, xa que o citado informe desvela que se teñen detectado casos de acoso laboral sexual no noso sector, malia que se percibe un cambio de actitude.

Na presentación do informe interveron Rosario Álvarez, presidenta do CCG; a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo; Håkan Casares, responsable do observatorio da Cultura Galega; e Dolores Vilavedra, secretaria do CCG. Ademais, estaban presentes o director da Agadic, Jacobo Sutil, así como representantes da AAAG, Eva Fórneas e Laura Míguez; da Academia Galega do Audiovisual, Saamira Ganay e Marisela Lens; de Escena Galega Ruth Balbís, e María Armesto e Casilda Alfaro, da Mostra de Cangas.

Informe dispoñible para a súa descarga aquí.