O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), comeza mañá martes ás 18 horas o ciclo adicado a Alfred Hitchcock,  unha mostra da vixencia do legado do cineasta británico e a súa interrelación con títulos actuais. O diálogo entre “Topaz”  (1969) e “Double Take” (2009) de Johan Grimonprez e entre “Los pájaros” (1963) e “Un sourire malicieux éclaire son visage” (2009) de Christelle Lheureux, ofrece dúas sesións dobres de interese para o espectador.

As proxeccións terán lugar ao longo de esta semana, comezando mañá e chegando ao seu fin o venres 22 de outubro.

HITCHCOCK REVISITADO


A permanente actualidade de Alfred Hitchcock. Dous traballos recentes de dous autores que se moven a medio camiño entre o cine e a videoarte permítennos recuperar dous clásicos do autor británico. Double Take é, en principio, un documental sobre o dobre de Hitchcock, un personaxe real que se fixo famoso en anuncios televisivos. A partir desa premisa, o belga Johan Grimonprez formula unha divertida elucubración que partindo de Borges revisa o cine de Hitchcock dos anos sesenta en tanto produto inequívoco da guerra fría. Topaz é o exemplo que ben podería ilustrar as teses de Grimonprez. O traballo de Christelle Lheureux é máis difícil de catalogar. Uns actores recitan nun bosque o argumento de Los pájaros e Lheureux fílmaos nun estilo que parece unha combinación do cine de Apichatpong Weerasethakul, Jean-Marie Straub e Jean-Luc Godard. Naturalmente, o complemento é Los pájaros, a de Hitchcock. Dúas formas de ver (e oír) a mesma película. Ou case.