NOVAS DO SECTOR: GUIONLAB 2007: O PRAZO DE PRESENTACIÓN DE PROXECTOS REMATARÁ O 20 DE ABRIL

12 / 03 / 2007

O Clúster Audiovisual de Galicia, coa colaboración da Axencia Audiovisual Galega da Consellería de Cultura e Deporte e Caixanova convoca o Laboratorio de Análise de Guión Cinematográfico Guionlab, no que guionistas, produtores e directores de cine darán forma aos seus proxectos coa axuda do análise e seguimento de expertos en escritura de guións GUIONLAB 2007: O prazo de presentación de proxectos rematará o 20 de abril

O CLÚSTER AUDIOVISUAL SELECCIONARÁ 12 PROXECTOS DE GUIÓN CINEMATOGRÁFICO PARA PARTICIPAR XUNTO A EXPERTOS NUN LABORATORIO ESPECIALIZADO NA CORUÑA

Santiago, 12 de marzo de 2007. O Clúster Audiovisual de Galicia, coa colaboración da Axencia Audiovisual Galega da Consellería de Cultura e Deporte e Caixanova convoca o Laboratorio de Análise de Guión Cinematográfico Guionlab, no que guionistas, produtores e directores de cine darán forma aos seus proxectos coa axuda do análise e seguimento de expertos en escritura de guións . Un comité formado por integrantes do Clúster seleccionará 12 finalistas entre todos os presentados a Guionlab, os cales poderán estar acompañados polos produtores e directores dos proxectos, no caso de que os teñan. O prazo de presentación de proxectos de Guionlab queda aberto desde hoxe 12 de marzo ata o vindeiro 20 de abril.

Con esta iniciativa o Clúster brinda aos guionistas a oportunidade de materializar o seu talento orientándolles no desenvolvemento de cada fase do proceso de elaboración dun guión de cine. O director do Laboratorio será o galego Enrique Nicanor, productor, director e guionista de cine e TV cunha brillante traxectoria no mundo do audiovisual, (foi director da 2 de TVE, experto e xefe de estudios do EAVE da Unión Europea e Director de MASTERCAM o Master da ECAM, a Escola de Cinematografía de Madrid). Pedro A. Ramos García, coordinador do Taller de Escritura 4 Contos, será o responsable da coordinación dos guionistas e expertos participantes no Laboratorio Guionlab.

Asemade, Guionlab contará con catro expertos no análise de guión cinematográfico procedentes de diferentes partes do mundo: Clare Downs, de Gran Bretaña, guionista e experta analista de guións europeos e tamén participante no programa MEDIA da UE; Daniel Díez Torres, guionista cubano do ICAIC e da Escola Internacional de Cine, San Antonio de Los Baños en La Habana e recoñecido contribuínte ao desenvolvemento da cultura artística e literaria cubanas; Álvaro del Amo, guionista e dramaturgo, director de cine e teatro, crítico musical e novelista español; e en representación da nosa comunidade o guionista galego Daniel Domínguez, un dous máis experimentados guionistas de Galicia, que dende 2000 céntrase primordialemente en traballar como guionista e editor para algunhas das máis coñecidas teleseries galegas.

Desenvolvemento do Guionlab: A Coruña e Santiago

O obxectivo deste Laboratorio é dotar aos guionistas coas ferramentas de análise, estrutura e recursos para confeccionar guións cinematográficos con capacidade de participación e acceso aos mercados nacionais, europeos e internacionais de financiamento e co-produción.

Guionlab desenvolverase en dous laboratorios de tres días de duración cada un deles: o primeiro terá lugar ao longo dos días 30, 31 de maio e 1 de xuño no Centro Social Caixanova de A Coruña e o segundo o 26, 27 e 28 de setembro de 2007 en Santiago de Compostela. Entre ambos prazos haberá un periodo de consultas a distancia de 8 semanas de duración, no que os participantes poderán pedir asesoramento aos expertos para finalmente presentar os seus proxectos no segundo laboratorio cos avances desenvolvidos.

Guionlab acollerá ao público interesado nos contidos, podendo participar de pleno dereito, que se impartirán neste Laboratorio nas sesións plenarias (polas mañás de 10:00 a 14:00 horas) e a partir das 20:00 horas da tarde con motivo dos visionados de películas suxeitos a unha análise posterior cos expertos.

Os interesados en presentar os seus guións cinematográficos terán que rechear o formulario de inscrición que poderán atopar no portal web do Clúster www.clusteraudiovisualgalego.com ou no portal da Axencia Audiovisual Galega, www.axenciaaudiovisualgalega.org

Asemade, tamén poden solicitálo nas mesmas oficinas do Clúster no Polígono de Milladoiro, rúa Oliveira nave 96B (Ames). Entroutros requisitos, os candidatos deberán presentar unha sinopse dunha páxina como moito, o punto de vista e un tratamento con secuencias numeradas de máximo 12 páxinas. Máis información no portal do Cluster ou no teléfono 981-941.792.

Categoría: Noticias
Etiquetas: