O Consorcio Audiovisual de Galicia acode por segundo ano consecutivo a La Rochelle para presentar o Docs Galicia á comunidade internacional A presenza do audiovisual galego consolídase na 18ª edición do Sunny Side of the Doc

O Consorcio Audiovisual de Galicia acode por segundo ano consecutivo a La Rochelle para presentar o Docs Galicia á comunidade internacional

Despois da boa experiencia obtida na edición anterior, o Consorcio Audiovisual de Galicia asistirá de novo cun stand propio ao Sunny Side of the Doc que se celebra na cidade de La Rochelle do 26 ao 29 de xuño. O stand estará integrado no espazo chamado European Spot, con outras delegacións como Catalan Films & TV, Niniak do País Vasco e PromoMadrid.

O principal obxectivo do Consorcio Audiovisual de Galicia no Sunny Side será actuar como apoio ás compañías que asisten ao mercado no que, ademais, manterá unha apertada axenda de traballo, onde se reunirá con distribuidores, canles de TV e representantes dos festivais de documentais máis importantes do mundo para presentar e promocionar o seu catálogo Docs Galicia 06; que inclúe entre outras producións A casa da miña avoa, que xa obtivo recoñecementos e premios a nivel internacional en festivais como o Chicago Film Fest, no IDFA de Amsterdam e no Documenta Madrid; Pic Nic, unha orixinal proposta que retrata a España profunda dos nosos días; Cambio climático, unha visión aterradora da destrución do planeta; A cuarta pista, unha produción independente sobre a vida circense na rúa e As voces do Prestige, que xa estivo presente o ano pasado neste mercado.

O Sunny Side of the Doc é un dos mercados internacionais de documentais máis importantes de Europa, no que se facilita o encontro entre compradores, produtores, periodistas e profesionais de todo o mundo, que ten lugar no edificio The Space Encan(10.000m2) moi preto do centro histórico da cidade, onde xa están confirmados como asistentes máis de 350 profesionais e unhas 1800 compañías de todo o mundo.

A asistencia ao Sunny Side permitirá aos profesionais galegos entrar en contacto cos principais axentes do panorama internacional, compradores, axentes de ventas que poderán coñecer dun modo directo a ampla oferta de contidos televisivos producidos en Galicia, así como sentar as bases de posibles relacións de coprodución que facilite a realización de proxectos conxuntos.