O Centro Galego de Artes da Imaxe comeza a sección Off Galicsia neste ano 2013 mañá sábado día 12 de xaneiro (18.00 horas) cun proxecto de longo percorrido, N-VI de Pela del Álamo, unha peza capaz de penetrar desde a sensibilidade da non ficción contemporánea no túnel do tempo dunha estrada mítica. O propio autor, Pela del Álamo, presentará o filme e terá un coloquio co público asistente. A entrada é de balde. N-VI    

(España, 2012)
Dirección e guión: Pela del Álamo. Produción: Diplodocus Producións. Fotografía: Francisco Arnoso “Pixi”. Duración: 86 minutos.  
Un proxecto de longo percorrido, N-VI penetra desde a sensibilidade da non ficción contemporánea no túnel do tempo dunha estrada mítica. ”Antes viaxabamos por estradas que atravesaban lugares habitados. Hoxe, aquelas estradas foron substituídas por autoestradas illadas da paisaxe que atravesan. Durante moito tempo, a N-VI foi unha das estradas máis importantes de España. Unía Madrid con Galicia ao longo de 600 Km. Agora, a autovía A-6 cobre todo o traxecto. Algúns tramos da vella N-VI desapareceron, outros quedaron case abandonados, como illas á deriva, quilómetros de asfalto que empezan e rematan en ningures, e con eles as aldeas e os pobos que atravesaban. Lugares de pasaxe onde aparentemente xa non acontece nada. Nas marxes daquela estrada permanecen os seus habitantes, encallados nun presente sen demasiado futuro, desconectados entre si, como en compartimentos estancos nos que cada un dialoga á súa maneira co paso do tempo” (Pela del Álamo).