MASTERCLASS AUGAL NO CAMPUS DE PONTEVEDRA

9 / 10 / 2013

A celebración de Augal, a Master Class do Audiovisual Galego, desenvolverase na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra entre outubro e abril como apoio á formación complementaria sobre produción cinematográfica galega actual dentro do ámbito universitario. Baixo a coordinación dos profesores Anna Amorós e Miguel Anxo Fernández, a terceira edición desta iniciativa prevista para este curso 2013-14, constará de sete sesións, que comezarán o próximo 15 de outubro. Compoñen o programa un total de doce proxeccións de diferentes formatos, desde longametraxes a curtas, webseries, tvmovies e documentais, nas que participarán 22 profesionais, entre eles nomes como Ángel de la Cruz, Xavier Bermúdez, Adán Aliaga, Eloi Enciso e Alejandro Marzoa, ademais dalgúns antigos alumnos da propia facultade anfitrioa.

A presentación detallada do programa tivo lugar nun acto celebrado onte en Pontevedra, que foi presidido pola vicerreitora da Universidade de Vigo para o Campus de Pontevedra, Antonia Blanco, e no que participaron o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; o decano de Ciencias Sociais, Juan Manuel Corbacho; e os coordinadores de curso.
   
Augal, que se celebra en virtude dun convenio asinado en 2010 entre AGADIC e a Universidade de Vigo, responde precisamente á demanda do propio sector audiovisual galego para axudar á visibilidade dos seus produtos e achegar os seus creadores ao público. As sesións están destinadas con prioridade aos alumnos de Comunicación Audiovisual en particular, pero ábrese tamén  á sociedade en xeral, co fin de dar a coñecer os produtos e formatos seleccionados, acompañados por presentacións dalgúns dos seus creadores,  desde realizadores, produtores, guionistas e intérpretes.
 
Doce títulos
Augal 2013-14 arrincará o martes 15 de outubro coa proxección do filme La Mujer del Eternauta, e proseguirá o 13 de novembro con Somos gente hontada e o 3 de decembro con Arraianos. Xa en 2014, o 11 de febreiro a xornada xirará en torno as obras Angélica y Roberta, Fame e Idiotas; e o 18 do mesmo mes adicarase ás producións de animación Os contos do Camiño, Caracois e Cocorico; ademais de Camina. La Bella Otero. As últimas xornadas terán lugar o 18 de marzo con Todos os santos e o 1 de abril con O ouro do tempo.
 
A inscrición en Augal 2013-14 pode facerse desde hoxe mesmo. Os alumnos e alumnas participantes recibirán o diploma correspondente, recoñecido cun crédito avaliado pola Universidade de Vigo.

Categoría: Noticias
Etiquetas: