Mañá xoves 16 de maio póñense á venda en Cans as 400 entradas restantes para poder ver as curtas a concurso que se proxectarán o sábado 25, día grande do festival. A posta á venta terá lugar mañá no Local Parroquial de Cans, ás 19 horas. Cada tícket custa 10 euros, pero pode adquirirse o pack de camiseta máis entrada por 18 euros, co adhesivo do Can de regalo. Non se admiten reservas e só se poderán mercar 2 entradas por persoa.

A entrada dá dereito a acceder o sábado 25 de maio ás salas nas que se proxectan as curtas a concurso (14 de ficción e 7 de animación). En total son 8 salas. Cada persoa percorre 4 delas para ver en 4 horas de proxeccións todas as producións a concurso.

Como novidade, este ano ábrese a posibilidade de ver as curtas a concurso tamén pola mañá coa posta en marcha da sesión matinal. Nesta sesión proxectaranse as mesmas películas que compiten na sección oficial, tanto de ficción como de animación. Esta sesión matinal desenvolverase o sábado 25 de maio de 10:00 a 12:00 e de 13:30 a 15:00 na Casa de Bugarín, con pausa no medio para asistir ao Coloquio na Leira de Juanma Bajo Ulloa.

Só se porán á venda 130 entradas para a sesión matinal. Venderanse tamén mañá xoves 16 de maio ás 19:00 horas no local parroquial de Cans. Non se admiten reservas e só se poderán adquirir 2 entradas por persoa. Ao igual que na sesión de tarde, cada entrada ten un prezo de 10 euros. As entradas da sesión matinal que non se vendan en Cans mañá poñeranse á venda a través da web o luns 20 de maio ás 9:00h.

Colaboracións de luxo no CanZine

Por terceiro ano, o Festival de Cans conta coa súa propia publicación oficial, o CanZine, que sae a rúa mañá xoves cunha tirada de 5.000 exemplares e cargado de moitas sorpresas. Entre elas figura a entrevista que o xornalista Fernando González Gonzo, coñecido polo seu traballo no programa El Intermedio, realizou a El Gran Wyoming en exclusiva para esta publicación. O propio Wyoming refírese ao de Cans

como “un festival no que o pobo é soberano”. “Os festivais normalmente están organizados para a industria (produtores, distribuidores…) e o de Cans é un festival de cine pensado para o pobo, no que o pobo participa, por iso o resultado é óptimo”, engade.

É a terceira edición desta revista que se distribúe de balde, dirixida por Diego Giráldez e Amparo Rodríguez, e que pretende ser unha extensión do programa do festival con entrevistas, reportaxes e artigos de opinión redactados por colaboradores de luxo. Presenta ademais unha particularidade, estas firmas ben coñecidas mestúranse con reportaxes sobre os veciños, artigos de nenos, de voluntarios e de membros da organización, seguindo a filosofía do festival de Cans de integrar a toda a parroquia.

O CanZine do X Festival de Cans inclúe artigos de actores como Antonio Durán Morris, ou Víctor Fábregas, o da realizadora Isabel Coixet, no que resalta “a paixón que destila Cans polo cine”, o de Juan Ibañez Trancas, de El Hormiguero, o do director de Somos gente honrada, Alejandro Marzoa e o dos músicos Jorge Ilegal, Constan Chao e Víctor Coyote, entre outros moitos. Recolle tamén entrevistas ao director Juanma Bajo Ulloa, ao actor Manuel Manquiña, ao realizador Alfonso Zarauza, ao cantante Tony Lomba e á gaiteira e pianista Cristina Pato.

Moeda oficial

Por vez primeira, o Festival de Cans conta con moeda oficial. Trátase do ‘Can’, que estará en circulación durante os días do festival e que será a única moeda en curso para adquirir consumicións nos puntos de venda habilitados pola organización. Os billetes de 1 e 2 Cans, que substituirán aos tíckets empregados en edicións anteriores, contan co patrocinio de Imprenta Paz.

O deseñador local do Porriño JD&JD (Juancho Debuxa & Juancho Deseña) foi o encargado do deseño destes billetes oficiais, e neles fai un xogo coa estética do dólar e o emblema do festival, o Can. O festival continúa así a filosofía que vén seguindo dende o inicio de traballar con provedores da zona e apostar pola proximidade.