MÁIS DUNHA DUCIA DE RESPONSABLES DE CANLES DE TV, AXENTES DISTRIBUIDORES E PRODUTORES EXECUTIVOS CONFIRMAN ASISTENCIA Ó PITCHING “I+P IDEAS PARA PRODUCIR”

21 / 05 / 2014

Máis dunha ducia de responsables de canles de televisións nacionais, canles autonómicas, axentes de distribuidoras e produtores executivos en busca de novas ideas e produtos audiovisuais xa confirmaron, ata este momento, a súa asistencia á 8ª edición do pitching “I+P Ideas para producir”, organizado polo Clúster Audiovisual Galego (Clag) e que se celebrará o vindeiro 12 de xuño en Santiago de Compostela. 

Na edición de 2014 o Clag conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), e do departamento de Turismo do Concello de Santiago de Compostela.

Esta xornada de exposición de proxectos está destinada a reunir a empresas ou participantes individuais que buscan alianzas empresariais de cara á coprodución. Por outro lado, para as producións xa nun estado máis avanzado, o I+P pretende facilitar o encontro con distribuidoras, programadores de antena e responsables de vendas internacionais para a comercialización.

Do conxunto de traballos inscritos na oitava edición do “I+P Ideas para producir”, foron seleccionados para seren presentados no pitching un total de 15 proxectos, dez galegos, catro madrileños e un sevillano. En canto ao formato dos traballos, oito son series de televisión ou produtos de entretemento, catro longametraxes e un documental.

Por outra parte, entre os directivos de canles de televisión que xa confirmaron a súa participación nesta xornada están Baldomero Toscano, director de Produción de Programas de Mediaset; Pepa Sánchez Biezma, directora de Produción da Área de Miniseries de Mediaset; Fernando López Puig, director de Cine e Ficción de TVE; Lara López, responsable de Compras de Dereitos de Cine Español de Canal+, ou Ricardo García Arrojo de Atresmedia Cine. Ademais está prevista a asistencia de varios directivos da Televisión de Galicia.

Tamén asistirán ao pitching o responsable do Departamento de Vendas Internacionais de Filmax, Iván Díaz; o produtor Jaime Martul, de Alquitara Films; o conselleiro delegado de European Dreams Factory, Filomeno Martínez; o director xeral de Teysomedia Ficción, Rogelio Delgado; o delegado de Canspan Film Factory, Alfredo Contreras, o director de Proxectos e Desenvolvemento de Audiovisual SGR, Pedro Martín, e Maja Zimmerman, de Framing L.A. de Los Ángeles.

Na xornada anterior ao pitching, o mércores 11 de xuño, os responsables de canles de televisións, axentes de distribuidoras e produtores executivos participarán no tour “Santiago cinematográfico”, organizado en colaboración coa Santiago de Compostela Film Commission.

Obradoiro de preparación ao pitch

A edición de 2014 inclúe como novidade a celebración hoxe e mañán dun Obradoiro de preparación ao pitch, no que participan algúns dos responsables de presentar os proxectos seleccionados no pitching do vindeiro mes de xuño.

Trátase dun obradoiro de carácter profesional, que ten lugar no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago, no que se impartirán diversas técnicas de presentación de proxectos audiovisuais a través da práctica. Os participantes adquirirán os coñecementos necesarios e descubrirán as ferramentas máis útiles para acadar lanzar o seu proxecto dunha maneira coherente e eficaz.

Nesta oitava edición do “I+P Ideas para producir”, o Clag conta tamén coa colaboración da Santiago de Compostela Film Commission, a Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, o Máster en Produción e Xestión Audiovisual (MPXA), e co patrocinio da compañía Music Library.

I+P, un formato consolidado

Desde os seus comezos no ano 2006, o I+P contou cun auditorio de importantes canles de televisión, distribuidoras e produtoras de ámbito nacional. Neste pitching materializáronse acordos de distribución de producións de grande éxito. Durante estes sete anos, presentáronse arredor de 200 proxectos, moitos dos cales encontraron viabilidade económica, o que avala a oportunidade de negocio que supón este formato.

Categoría: Noticias
Etiquetas: