JOSÉ ÁNGEL CORTÉS, EXPERTO EN PROGRAMACIÓN EN TELEVISIÓN, FALARÁ NO MPXA SOBRE AS ESTRATEXIAS DE PROGRAMACIÓN

13 / 12 / 2011

José Ángel Cortés, experto na área de programación en televisión, falará os próximos 15 e 16 de decembro sobre estratexias de programación no Máster en Produción e Xestión Audiovisual (MPXA), título propio da Universidade da Coruña que desenvolve a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre.

José Ángel Cortés analizará cos alumnos que é programar e como se constrúe unha grella de programación, os elementos básicos, as regras e as estratexias para programar, e os tipos de programación das diferentes franxas horarias. Na súa intervención Cortés disertará ademais sobre a medición de audiencias e o consumo televisivo en España.

Cortés é profesor asociado da Facultade de Comunicación da Universidade de Navarra. Foi vicedecano da Facultade de Humanidades e Ciencias da Comunicación da Universidade San Pablo CEU e director do departamento de medios audiovisuais, tecnoloxía informática e publicidade da mesma facultade, na que na actualidade imparte as materias: “Estrutura do sistema audiovisual” e “Programación en televisión”. A súa actividade profesional estivo marcada pola súa dedicación ao medio televisivo. Traballou como programador en TVE, en Tele 5 –onde tamén ocupou o cargo de primeiro director de programación–, e en Antena 3. É consultor e asesor de varias empresas en materia de programación televisiva.

Cortés imparte tamén docencia en numerosos másteres sobre comunicación audiovisual e é autor de varias obras sobre televisión, entre as que se atopa o primeiro libro publicado en España sobre programación televisiva: “A estratexia da sedución”.

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: