O 17 de Abril de 2011 tivo lugar a Gala dos IX Premios do Audiovisual Galego “Mestre Mateo”  no Auditorio Municipal de Ourense. Como vén sendo habitual, nesta novena edición reuníronse autoridades institucionais, representantes da vida social e económica de Galicia e, principalmente, asociacións e profesionais do sector. 

A Gala IX Premios Mestre Mateo foi dirixida por Xaime Fandiño, que guionizou xunto cos mestres de cerimonias, Belén Regueira e Xosé Antonio Touriñán. Foi un evento no que primaron o inxenio e a creatividade, con moitas doses de imaxinación e de humor, pero invitando á reflexión sobre o presente e o futuro do sector audiovisual en Galicia. Así, esta Gala transcorreu baixo o concepto de Galiwood:

“No ano 2011, o mundo, e tamén Galicia e o seu audiovisual, atravesaban unha fonda crise. Unha década despois, este pequeno gran país converteuse na nova meca mundial do cine combinando creatividade e innovación, boas historias e vangarda tecnolóxica. Benvidos a Galiwood!
A dependencia das axudas e subvencións que atenazara o sector é hoxe cousa do pasado. O I+D+i empresarial, as intervencións de capital-risco e outras iniciativas persoais innovadoras, puxeron en marcha un revolucionario e orixinal modelo de negocio que hoxe se estuda e espalla por todo o mundo.
Boa parte da poboación galega traballa elaborando contidos audiovisuais para todo tipo de soportes. Superproducións cinematográficas, o cinema de autor máis ousado e entretemento audiovisual transmedia e multiplataforma. Galiwood dispón de profesionais amplamente cualificados, dunha televisión pública mundialmente respectada e dun feixe de festivais de cine que marcan tendencia.
Edificios emblemáticos do país foron reconvertidos en platós e centros de produción de contidos: a que fora Semana Verde de Silleda, as instalacións da conserveira Massó, a antiga factoría de ENCE ou a outrora controvertida Cidade da Cultura, entre outras, son hoxe instalacións dedicadas á produción e a investigación audiovisual nun conglomerado de referencia internacional.
Alén mar, o audiovisual galego alimenta alianzas internacionais con Brasil e a Lusofonía, China, India e as puxantes democracias árabes, e as excelentes condicións laborais atraen traballadores de todo o mundo. Esta potentísima industria fai de Galicia un dos principais motores económicos da Unión Europea, e o seu PIB supera o de Luxemburgo ou Catar.
Isto é Galiwood, o milagre galego!”

Á raíz desta idea participaron en numerosos vídeos, que se desfrutaron durante a Gala, profesionais relacionados co cine e a televisión, amosando o seu sentido do humor co único obxectivo de rirnos de nós mesmos e transmitir unha mensaxe positiva a todo o sector audiovisual.

Repartíronse un total de 27estatuíñas, ademais do Premio de Honra “Fernando Rey” que este ano foi para o actor Luís Tosar, e o Premio Revelación “Chano Piñeiro”, que se recupero para ser outorgado ao cineasta Oliver Laxe.

A entrega de premios, amenizada con música en directo e o coro “O coro da rá”, transcorreu coa participación de diferentes artistas convidados coma Fina Calleja, Mariana Carballal, Rubén Prieto, Sara Casasnovas, Ernesto Chao, Morris, Sergio Pazos, Sonia López, María Tasende, Roberto Vilar, Isabel Blanco, Marcos Pereiro e Federico Pérez.

Patrocinadores

 

{loadposition patro_mm10}

IX Gala Premios Mestre Mateo

 

{morfeo 41}