A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) premia na persoa de Gonzalo Uriarte o labor de todos os profesionais que fixeron posible a creación da entidade 25 anos atrás. A decisión foi dada a coñecer pola Xunta Directiva da AAAG que deste xeito quere homenaxear ao que foi o seu primeiro presidente trala constitución desta entidade en 1985. O galardón entregaráselle durante o gala dos XIV Premios de Teatro María Casares, o vindeiro 24 de marzo.

A Asociación quere honrar así “na persoa de Gonzalo Uriarte non só a un excepcional actor cunha longa traxectoria nas artes escénicas senón tamén simbolizar nel o recoñecemento a todos os profesionais que fixeron posible a fundación da AAAG”, asegurou o presidente da Asociación, Vicente Montoto.

Nado na Coruña en 1952, Gonzalo Uriarte leva tras de si unha longa traxectoria que comezou como co-fundador da compañía de teatro Troula en 1978, ano clave para a escena galega. E é que Uriarte estaría moi presente nos difíciles inicios tanto no teatro como no audiovisual galego. Foi galardoado con varios premios no teatro e tamén na esfera audiovisual.

Con este premio, os actores e actrices de Galicia recoñecen un completo actor que tamén desenvolveu traballos na dobraxe poñéndolle voz, entre outros, a Dirk Bogarde en “Historia de dúas cidades”. Recentemente Uriarte sumaba un novo recoñecemento ao recibir o Maruxa Villanueva do Concello de Padrón á súa traxectoria como actor.