Vilamor relata unha historia de amor nunha das primeiras comunas hippies da Europa dos anos setenta. A película está baseada en feitos reais acaecidos nos anos 70 na montaña galega de Lugo; onde, fiel reflexo dos cambios políticos e sociais dunha etapa histórica controvertida en España, instáurase unha comuna como modelo alternativo ós acontecementos que moven a sociedade cara o cambio.

A localización da película desenvólvese nas paraxes onde se asenta a comuna, que aínda pervive a día de hoxe. Un excepcional marco de natureza virxe, agrestes montañas e paisaxes de ensoño únicos no mundo e selo identificativo da Galicia natural. VILAMOR é a presentación dun tema universal: a convivencia do ser humano consigo mesmo, a comunidade e a natureza; presentado todo elo desde un prisma local que se converte en exótico para o público internacional, a través da mostra da riqueza cultural e medioambiental de Galicia. Logo dos galardóns obtidos recentemente por VILAMOR á Excelencia no Festival Internacional para a Paz, a Inspiración e a Igualdade en Jakarta (Indonesia) e á Mellor Banda Sonora e Mellor Fotografía no marco do New York City International Film Festival, o percorrido intercontinental do filme confirma os argumentos da produtora Vía Láctea Filmes que insiste na importancia do cinema como ferramenta indiscutible para acadar o recoñecemento que a nosa cultura e a nosa xeografía merecen tanto dentro como fóra das nosas fronteiras. O venres 10 de maio a Caravana Vilamor desembarca en Cataluña, onde será reproducido o modelo comunicativo aplicado con éxito en Galicia: charlas en centros de ensino e escolas de cine, encontros con asociacións de galegos en Cataluña, etc. VILAMOR estrearase para o público catalán nos Cines Filmax Granvía (Centro Comercial Gran Vía 2) de L’Hospitalet de Llobregat (Barcelona) o venres 17 de maio.