O Museo de Arte Contemporáneo Gas Natural Fenosa proxecta mañá, 16 de maio, ás 20.00h, Spider Baby, de Jack Hill, dentro do seu ciclo de cine “Terror en serie (b): xoias de baixo presuposto”. A entrada é libre ata completar aforo.

O cine de serie B é un pequeno reduto cinematográfico onde a imaxinación e o talento suplen a falta de presuposto. A necesidade agudiza o enxeño, e o que posúen películas como as deste ciclo é superior á maioría das súas irmás maiores. Dentro do cine de terror, a serie B fixo da suxestión e a elipse unha das belas artes, e o grao de liberdade creativa alcanza cotas inimaxinables no cine de gran presuposto. Dende a Obra Mestra de Edgar G. Ulmer Detour ata a pequena xoia de Ti West, enfant terrible do terror contemporáneo, The house of the devil, percorreremos entre calafríos unha das parcelas máis apaixonantes da Historia do Cine.

16 de maio de 2013, ás 20.00 horas

Spider Baby (1968) Jack Hill

¡Tan inocentemente sedutora como unha Lolita! ¡Tan salvaxemente famenta como unha viúva negra! Spider Baby é unha auténtica rareza e, polo tanto, prestixiosa película de culto. Comedia negra de terror protagonizada por unha das estrelas indiscutibles do xénero, Lon Chaney Jr. (O home lobo), rodada entre agosto e setembro de 1964 cun presuposto de 65.000$ e tan só doce días para completar a produción. Foi a primeira película de Jack Hill e o seu título orixinal ía ser Cannibal orgy or the maddest story ever told. Quentin Tarantino dirixiu o tráiler que acompaña a súa edición en DVD.