Un total de 31 filmes veñen de ser elixidos para formar parte do programa da X edición do Festival Internacional de Cine Euroárabe Amal, dirixido por Ghaleb Jaber Martínez, e organizado pola Fundación Araguaney-Puente de Culturas, que volverá a celebrarse en Compostela entre o 14 e o 20 de Outubro de 2012.

Son 31 filmes os que compoñen un programa no que non faltarán curtas e longas de fición e documentais. Todas elas de temática euroárabe. Cabe destacar este ano a importante presencia de coproducións euroárabes. A seleción oficial reúne tamén un gran número de filmes procedentes de Exipto, Francia, Bélxica, Palestina, Alemania, Emiratos Árabes Unidos e España.

Para a selección desta trintena de filmes, levouse a cabo un laborioso proceso de visionado por parte dun equipo de profesionais do audiovisual entre os que se atopaban dous alumnos da USC. Este xurado de preseleción encargouse de ver e analizar cada unha das 700 películas presentadas ao festival, de entre as que finalmente foron elixidas 31. O director do Festival, Ghaleb Jaber Martínez, comentou que dita seleción “foi un proceso complicado, xa que a maioría de traballos candidatos exceden as nosas expectativas en canto a número e calidade dos mesmos”.

As obras selecionadas serán proxectadas nas sedes do Festival, tanto o Hotel Araguaney como o Teatro Principal de Santiago de Compostela, durante a semana oficial do mesmo, entre o 14 e o 20 de Outubro. Poden consultarse os títulos na páxina web do Festival (www.festivalamal.es)

Décimo aniversario

O Festival Internacional de Cine Euroárabe Amal celebra este ano a súa X edición, e polo tanto, o seu décimo cumpreanos, polo que serán moitas as actividades que se celebren para conmemorar este aniversario. Ademáis das proxecións, o Festival está organizando actividades paralelas para tódolos públicos, que xiran entorno a música, a gastronomía, a danza… En definitiva, a cultura.