A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) abriu unha convocatoria pública para a provisión, mediante un concurso de méritos, dun posto de coordinador do seu departamento de política audiovisual na súa sede de Santiago de Compostela. O prazo para concorrer conclúe hoxe, 4 de setembro.

Poderán participar no concurso de méritos convocado por AGADIC, persoas españolas ou de calquera dos estados membros da Unión Europea, así como os estranxeiros coa residencia legal no noso país, que teñan máis de 16 anos, e unha titulación académica de licenciado, diplomado universitario ou equivalente. Ademais, debe ter capacidade funcional e non han de estar inhabilitados para ocupar o cargo. A solicitude deberá formalizarse en modelo de instancia oficial, axuntando a fotocopia compulsada do DNI, NIE ou pasaporte, e da titulación académica esixida, así como o currículo, que deberá acompañarse de certificación ou copia compulsada dos méritos alegados, e vida laboral expedida pola Seguridade Social e copia compulsada dos contratos. O prazo de presentación conclúe hoxe, 4 de setembro, e as solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral de AGADIC en Santiago de Compostela (Rúa Vesada, San Lázaro, s/n). As solicitudes de españois no estranxeiro poderán cursarse a través das representacións diplomáticas ou consulares.

Unha comisión de valoración formada por persoal de AGADIC valorará aos candidatos en función dos seus méritos, incluíndo a súa traxectoria profesional acreditada na xestión de empresas audiovisuais e/ou de actividades culturais, así como a súa formación acreditada no ámbito audiovisual. Tamén se valorará que estean en posesión do Certificado de Lingua Galega (CELGA) 4, curso de perfeccionamento de galego ou equivalente. O posto de traballo está situado en Santiago e está dotado cunha retribución bruta de 39.432,89 euros. As tarefas que haberá de desempeñar a persoa elixida, na súa calidade de coordinador do Departamento de Política Audiovisual de AGADIC, son establecer programas de cooperación con outros centros de similares características, impulsar a relación entre os distintos axentes culturais galegos no ámbito do audiovisual e posibles aliados no exterior, e desenvolver tódalas demais funcións que lle sexan encomendadas pola Dirección da Axencia. Máis datos, na web www.agadic.info, no teléfono 981577126, ou no e-mail agadic@xunta.es.