O FESTIVAL DE CANS, “A CITA MÁIS ESPECIAL DO CALENDARIO CULTURAL GALEGO”, VOLVE CON CATRO DÍAS INTENSOS

9 / 05 / 2011

O pasado venres 6 presentouse, como xa é habitual, no Bar Fortes de Cans a programación do VIII Festival de Cans, que terá lugar do 18 ao 21 de maio, coa presenza de Nelson Santos, alcalde do Porriño; Roberto Varela, conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, Juan Carlos Fernández Fasero, director-xerente de Agadic; Anxo Quintanilla, director-xerente do Consorcio Audiovisual de Galicia; Santiago Miguélez, director de marketing de Estrella Galicia; Alfonso Pato, director do Festival de Cans; Keka Losada, presidenta da A.C. Arela; e Luis Zahera, actor e membro do xurado do festival. O alcalde destacou que “cada ano visitan o festival figuras máis importantes e hai traballos de maior calidade”, polo que está convencido de que “a oitava edición vai ser un éxito máis”. Pola súa parte, oconselleiro Roberto Varela, definiu o Festival de Cans como “único no mundo” e “ unha das citas máis especiais do calendario galego de eventos culturais”.

 “É o festival máis xenuinamente galego e ao chegar á oitava edición xa podemos dicir que as comparacións co seu medio irmán francés están totalmente superadas”, remarcou Varela. “A miúdo falamos de que hai que promover iniciativas que acheguen a cultura ao pobo e dificilmente podo pensar nunha proposta mellor que esta”, engadiu ao tempo que destacou a implicación dos veciños e veciñas, “que o viven como algo propio”, e “a contribución que supón para a creación e a difusión do audiovisual”. “Interesa tanto dentro como fóra e axuda a situar a Galicia nunha posición referencial”, salientou Varela, que pensa que o festival “é un exemplo de como, malia a crise, as boas ideas sempre saen adiante”.

Coincidiu con el o director do festival, Alfonso Pato, quen afirmou que “a crise non inflúe no talento, polo que o festival traerá outros catro días intensos de mércores a sábado”. Fixo fincapé na boa colleita das curtametraxes deste ano e no incremento de entradas á venda para asistir ás proxección. Serán en total 800 entradas, das que 200 se poderán reservar en packas de entrada + camiseta + chapa na web do festival o vindeiro luns día 9 a partir das nove da mañá e 400 poñeranse á venda o venres 13 no Torreiro de Cans á tardiña. Con todo, o director salientou que o crecemento do festival será sempre acorde coa súa filosofía. “Non imos traizoar o seu espírito e todo o que medre será en paralelo coa parroquia e os veciños”, asegurou.

 

“Que dure para sempre”

Todos coincidiron en darlle a noraboa aos veciños e veciñas e á organización, tanto a Alfonso Pato como á A.C. Arela, polo traballo realizado ano a ano. Segundo o alcalde, ese esforzo será recompensado e “malia que este ano o festival coincide con outros dous grandes acontecemento no concello, as eleccións e o o campionato de España de baloncesto xuvenil, a afluencia será de novo masiva”. “Espero que o festival siga medrando e que dure para sempre”, transmitiu.

Pola súa parte, Santiago Miguélez subliñou que este é o terceiro ano que “Estrella Galicia e o Festival de Cans camiñan da man” e destacou a singularidade do evento. “Estrella Galicia patrocina moitos festivais ao longo do ano, pero en ningún vin tal implicación da xente coma neste”, afirmou. “É o único festival que presume do rural e do enxebre, algo cun gran valor en Galicia que debemos potenciar”, engadiu.

En representación do xurado da sección oficial deste ano falou, Luis Zahera, quen destacou que haberá “un bo lote de curtas de gran galidade”. Cun ton serio, destacou a súa responsabilidade e que “intentarán facer unha boa peneira”. “Outros anos non puiden participar por diferentes compromisos laborais, pero este quería botar unha man”, confesou.


Máis cargado que nunca

“Aínda que sempre digo o mesmo, o festival vén máis cargado ca nunca, cada ano temos máis actividades e máis profesionais implicados, tanto do audiovisual galego coma español”, dixo a presidenta de Arela, Keka Losada. No transcurso da presentación debullaron entre todos o programa desta edición. Destacaron en primeiro lugar os coloquios de altura deste ano, nos que, ademais de Fernando León e Jorge Coira, intervirá tamén a directora Isabel Coixet. No apartado de longametraxes sobresaen Doentes, de Gustavo Balza, o documental Escuchando al juez Garzón de Isabel Coixet, e Brasil somos nós, coa presenza de Carlos Núñez, e 18 comidas, coa proxección de escenas inéditas. Na sección Miradas de Cans achegará a súa ollada singular ao festival o debuxante David Rubín, que lle pasará o relevo a Manolo Rivas. O premio de honra irá para María Pujalte. A música poñerana Siniestro Total, El Gran Wyoming, Os Tres Trebóns e moitos outros, incluídas as intervencións experimentais de Nicolás Pastoriza e Eladio y los seres queridos no Jaliñeiro Unplugged. E na sección protagonista, a das curtametraxes, repetirán directores xa coñecidos en Cans e abrollarán outros que darán moito que falar. 

Podedes ver toda a programación do VIII Festival de Cans en: www.festivaldecans.com

E descargar o dossier aquí: http://dl.dropbox.com/u/311226/Cans2011_dossier.pdf

Categoría: Noticias
Etiquetas: