FALECE O CINEASTA MIGUEL GATO, PIONEIRO DO CINE GALEGO NOS SETENTA

23 / 11 / 2010

O pasado venres o cinema galego recibiu a triste nova do falecemento do director José Miguel Gato Luaces, nacido en 1948 en Ortigueira e que foi un dos principais partícipes do movemento do cine galego na década dos 70. Miguel Gato desempeñou diversas funcións en filmes de Enrique Baixeras, Antonio Simón e Miguel Castelo, entre outros.

Como director, en 1974 realiza a curtametraxe A tola, sendo coguionista con Francisco Taxes a partir dun conto deste. A película denuncia, mediante unha metáfora, a opresión política exercida sobre Galicia nos tempos da ditadura. Proxectada nas III Xornadas de Cine de Ourense, foi secuestrada polo Tribunal de Orden Público e posteriormente perdida nos arquivos da Dirección General de Seguridad en Madrid.

Os seus seguintes traballos van ser O herdeiro (1976), premio á mellor curtametraxe en lingua hispana no Festival de Huesca, e os documentais, producidos por Ismael González, A rapa das Bestas e Os cigarróns (Viejas costumbres gallegas), ambos en 1977. Máis tarde, no ano 1991, dirixe a súa derradeira curta: Pesquisas. O caso das galiñas aforcadas.

Miguel Gato desenvolveu tamén un importante labor como xornalista cinematográfico con colaboracións en páxinas culturais de El Socialista, Posible, Villa de Madrid, Cisneros, o suplemento literario de El País, Leviatán, Teleradio, Cinema 2002 e Casablanca. Como guionista tamén exerceu en programas de televisión como Pinki ou Un mundo feliz e traballou para Telemadrid e ETB.

Por último, como escritor, deixa o libro El cine de autor en España, publicado no ano 1978, en colaboración con Juan Hernández Les.

Categoría: Noticias
Etiquetas: