Referencia da crítica cinematográfica en galego, ex-director de A Cuarta Parede e programador, Brais Romero non dubida para responder cal é a parte do seu traballo que máis lle gusta «ver cinema e, sobre todo, falar del» unha vocación que se remonta á súa adolescencia «desde o primeiro guión de cinema que vin con dezaseis anos ata hoxe que podo dicir que vivo disto, pasaron moitas cousas e nunca pensei que chegaría ata aquí» e que o levou a traballar nalgúns dos festivais de cine máis importantes de Galicia (Novos Cinemas, Curtocircuíto). Unha vocación que con todo, tamén ten un lado escuro «a precariedade e a estacionalidade do traballo son cousas moi complicadas de conxugar e levan a non poder ter unha estabilidade económica que permita grandes plans».

Falamos con este vello coñecido dos María Luz Morales, gañador dun premio na primeira edición polo seu videoensaio Films From Galicia (?), e recoñecido cun accésit polo ensaio escrito De Vikingland la Ingen Ko Pala Isen: análisis de una correspondencia involuntaria na segunda, a quen, nesta ocasión, lle tocou valorar os traballos do resto de participantes.

Que valoración fas da túa participación nos premios?

O premio que recibín a Mellor Video Ensaio de Audiovisual Galego axudoume a difundir o traballo que estaba a facer no meu doutoramento. E, ademais, engadiulle un plus de presión á tese doutoral que, a verdade, non me viu nada mal para acabala nun tempo razoable. Esta é a primeira edición na que non participo con ningunha peza, pero son uns galardóns que cumpren unha función moi interesante e necesaria: premiar a investigación sobre audiovisual non ligada a universidades ou centros de estudos.

Como pensas que poderían mellorar?

Creo que un dos problemas dos que poden pecar os galardóns son da “necesidade de premiar”. Cando unha iniciativa así leva pouco tempo custa moito deixar premios desertos porque non se quere desaproveitar a oportunidade nin poñer paus nas rodas. Porén, este paternalismo é un vicio moi perigoso que pode levar ao desprestixio dos propios premios. Non digo que este sexa un problema actual dos María Luz Morales, pero pode ser un vicio no que se incurra de forma inconsciente. Tamén penso que é necesario un maior exercicio de didáctica do video ensaio. Aínda que é un campo de estudo cunha traxectoria ampla a nivel mundial, en Galicia non é unha práctica moi estendida, polo que moitas veces non se entende que é un video ensaio e en que se diferencia doutros xéneros.

Como ben dis, en Galicia é frecuente a convocatoria de premios de ensaio escrito, pero non tanto de videoensaio, como valoras a existencia desa categoría? 

Os videoensaios en lingua galega son unha rara avis da investigación en Galicia. Aínda que hai cineastas (Marcos Nine, Xurxo Chirro, etc.) que xa traballaban este formato, non se ligou á investigación académica ata case a metade da década pasada. Se ben a nivel mundial era unha corrente habitual e reputada, en Galicia era vista como un campo menos. A existencia deste categoría nos premios outórgalle un estatus necesario para vindicar unha forma de facer investigación que, aínda que transite camiños diferentes á investigación tradicional, ten o mesmo valor que un ensaio de 20 páxinas.

Como estas a vivir a túa labor como xurado?

É unha labor divertida pero difícil. Calibrar o baremo entre a calidade dun texto ou vídeo coa importancia da investigación nese eido adoita ser un campo minado onde é difícil saír ben parado. Impresióname ver a persistencia das institucións e da Academia por manter unha iniciativa como esta e evitar que caese no saco de “promesas electorais rotas nas lexislaturas”. Mais, non podo evitar estar algo decepcionado ao ver que, especialmente nos videoensaios, foron premiadas pezas que rompen con todos os estándares dunha boa investigación/video ensaio. Quizais porque é difícil atopar xurados que coñezan este campo, ou quizais porque, como dicía antes, é difícil establecer ese baremo importancia fronte a calidade.

«Son uns galardóns que cumpren unha función moi interesante e necesaria: premiar a investigación sobre audiovisual non ligada a universidades ou centros de estudos».

Brais Romero, programador e crítico.

Ademais de ser xurado dos María Luz, podes contarnos en que outros proxectos estás a traballar?

Sigo a traballar en Curtocircuíto e Novos Cinemas facendo o que máis me gusta: cobrando por ver filmes. Ademais, na actualidade tamén estou a colaborar co Diario Cultural Zeta da Radio Galega onde falamos do que fai a xente máis nova do audiovisual e, por suposto, sigo colaborando con A Cuarta Parede axudando na xestión económica e da web. Polo resto, non teño ningún proxecto persoal significativo, aínda que, de cando en cando, sigo a facer videoensaios ou pequenas pezas de video que ninguén me pide e que subo ao meu Vimeo.

«Calibrar o baremo entre a calidade dun texto ou vídeo coa importancia da investigación nese eido adoita ser un campo minado onde é difícil saír ben parado».

Brais Romero, programador e crítico.

Como asociado da Academia, que outras iniciativas consideras que se poderían levar a cabo para promover e visibilizar o noso audiovisual?

Coido que unha liña de traballo que se abriu coa Gifatón, na que participei de forma activa, é a de abrir os arquivos do audiovisual. Sexa a creación dun fondo de traballo, en colaboración coa AGADIC, de guións subvencionados pero aínda non filmados, como a visibilización online de pezas históricas e innacesibles, o futuro pasa por concebir os arquivos como un todo aberto, manipulable e accesible. De nada vale aplicar discos duros, libros e DVDs se todo iso está pechado nun caixón. Cómpre abrir o patrimonio para permitir agromar iniciativas novas. 

Os premios naceron en 2017 para estimular a produción de ensaio e Os premios naceron en 2017 para estimular a produción de ensaio e videoensaio en lingua galega e para reivindicar a figura da escritora e xornalista María Luz Morales. Contan co apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña, a Área de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a Deputación de Ourense e a Deputación de Pontevedra.