THE DEEP BLUE SEA DE TERENCE DAVIES, MAÑÁ NO CGAI

28 / 01 / 2013

O Centro Galego de Artes da Imaxe proxecta mañá martes día 29 de xaneiro (18.00 e 20.30 horas), dentro da súa sección  de estreas “Fóra de serie”, o drama amoroso do británico Terence Davies The deep blue sea (2011). Considerado un dos grandes títulos recentes segundo a crítica especializada, o CGAI segue completando a retrospectiva que fixera sobre o autor no ano 2008, acompañada dunha publicación en colaboración, entre outros, co Festival Internacional de Cine de San Sebastián. THE DEEP BLUE SEA   

(Reino Unido-Estados Unidos, 2011)
Dirección e guión: Terence Davies, sobre a obra teatral de Terence Rattigan. Produción: Camberwell, Fly Films e Film 4. Fotografía: Florian Hoffmeister. Intérpretes: Rachel Weisz, Tom Hiddleston, Simon Russell Beale. Duración: 98 minutos.  
Hester Collyer, muller dun xuíz do Tribunal Supremo, vive de xeito privilexiado no Londres dos anos 50. Sorprendentemente deixa o seu home para ir a vivir cun mozo ex piloto da RAF, Freddie Page. Historia dunha paixón e disección da natureza do amor a cargo do excelente Terence Davies (Voces distantes, La casa de la alegría, Of Time and the City), ao que o CGAI dedicara unha completa retrospectiva no ano 2008, que se mergulla na memoria –adaptando unha obra teatral de Terence Rattigan- e ofrecendo a súa mirada minuciosa, analítica e chea de emoción sobre a realidade, co seu habitual e maxistral tratamento das imaxes e un xenial uso dos materiais musicais. Nominación ao Globo de Ouro para a excelente actriz protagonista, Rachel Weisz.

Categoría: Noticias
Etiquetas: