Despois de pasar por máis de 60 festivais, entre eles Locarno Film Festival (Suíza), Viennale (Austria), International Film Festival Rotterdam (Países Baixos), Festival de Cine Europeo de Sevilla, REC Tarragona, Documenta Madrid, Márgenes (España), New York Film Festival, Palm Springs, San Francisco, Ann Arbor (EE.UU.), FICUNAM (México), BAFICI (Arxentina), Indie Lisboa (Portugal) e Black Nights Tallin (Estonia); e tras recibir máis dunha ducia de galardóns e mencións especiais, Costa da Morte chegará por fin ás salas de cinema españolas.

Costa da Morte poderá verse nos Cantones Cines da Coruña, Multicines Norte en Vigo, Cine Dúplex en Ferrol, Cines Xunqueira en Cee, en Cineteca Matadero (Madrid), Zumzeig Cinema (Barcelona), no Cine Albéniz (Málaga) e no IVAC (Valencia). En próximas datas sumaranse á listaxe outros espazos.

A primeira proxección do 26 de setembro das 20:30h en Cineteca Matadero de Madrid contará coa presenza do director Lois Patiño, quen manterá un encontro co público tras a proxección.

Costa da Morte estivo en carteleira na Cineteca Nacional da Cidade de México durante máis de oito semanas, nas que chegou a reunir un total acumulado de máis de 4.000 espectadores.