O CLAG E TVG PRESENTAN O PROXECTO “CLAG MEDIA TALENT” EN BUSCA DE NOVO TALENTO AUDIOVISUAL

17 / 09 / 2014

A primeira edición do concurso Clag Media Talent, organizado polo Clúster Audiovisual Galego (Clag) co apoio da Televisión de Galicia (TVG), presentouse hoxe, mércores, en Santiago, nun acto que contou coa participación do presidente do Clag, Andrés Barbé, e da directora da TVG, Rosa Vilas. Esta iniciativa ten como obxectivo detectar novo talento audiovisual e conectalo co tecido empresarial, obtendo como resultado un catálogo de formatos innovadores con viabilidade comercial, que despois da súa avaliación por un xurado será emitido o gañador como piloto pola canle autonómica galega.

No acto de presentación de Clag Media Talent, celebrado na Cidade da Cultura de Galicia, participaron novos creadores e estiveron representadas un importante número de produtoras galegas e de centros de formación que imparten diversas ensinanzas vinculadas ao audiovisual.

Durante a súa intervención, o presidente do Clag anunciou o lanzamento da convocatoria do primeiro concurso Clag Media Talent o día 1 de outubro, e referiuse a esta iniciativa coma “o punto de partida” de cara a conseguir o obxectivo final do concurso que é “dar saída aos produtos ao mercado internacional”. Para Andrés Barbé iniciativas coma esta serven para que “o talento audiovisual flúa e non se atomice”.

Pola súa parte, a directora da TVG referiuse á importancia deste tipo de iniciativas para dar saída ás ideas innovadoras que “abundan no sector audiovisual”. Os contidos –dixo Rosa Vilas- son cada vez máis necesarios, ante o incremento do número de plataformas que se está producindo na actualidade.

Ademais, a responsable da canle de televisión autonómica salientou o papel da TVG como motor do sector audiovisual galego, e advertiu que “xa contamos coa estrutura, polo que vamos a incorporar o talento”. Neste sentido, manifestou a necesidade de implicar tamén á Universidade e aos demais centros formativos no desenvolvemento do sector.

 

I Concurso Clag Media Talent

No concurso poderán participar individualmente todos os creadores maiores de 18 anos. A convocatoria desta primeira edición de Clag Media Talent abrirase o vindeiro 1 de outubro. Os autores terán ata o día 14 de novembro para inscribir os seus formatos. O mesmo prazo que teñen as empresas para manifestar o seu interese en titorizar algún dos proxectos preseleccionados.

Unha comisión formada por empresas produtoras realizará a preselección dos proxectos que participarán no programa de titorización, entre todos os presentados ao concurso, e designará a produtora encargada de titorizar cada un dos proxectos preseleccionados. Valorarase o carácter innovador do proxecto, a súa orixinalidade, que sexa viable economicamente e a súa potencialidade de comercialización para saír ao mercado exterior.

Durante o programa de titorización, de dúas semanas de duración, a empresa realizará recomendacións ao creador baseadas no seu expertisse co obxectivo de mellorar o proxecto dende o punto de vista creativo, técnico e comercial. Finalmente e trala avaliación destes traballos, o xurado do concurso seleccionará o proxecto gañador para a emisión do seu piloto na Televisión de Galicia.

Convenio de colaboración Clag-TVG

No transcurso do acto, o presidente do Clag e a directora da TVG tamén asinaron un Convenio de Colaboración entre o clúster e a canle de televisión autonómica galega para o desenvolvemento desta iniciativa.

Este proxecto conta ademais co apoio do Igape e a Consellería de Economía e Industria e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, a través da liña de «Axudas do Igape ás agrupacións empresariais (clústers) innovadoras na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013».

O Clúster Audiovisual Galego informará, nas vindeiras semanas, a través de todas as súas canles de comunicación (web, redes sociais…) do lanzamento da convocatoria da primeira edición de Clag Media Talent e fará públicas as bases deste concurso.

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: