COMEZA NOS ANCARES A RODAXE DE VILAMOR, A NOVA PELÍCULA DE IGNACIO VILAR

28 / 02 / 2011

A 1.600 metros de altura e cun Piornedo cuberto pola neve comezou a rodaxe de inverno do filme Vilamor, a nova película de Ignacio Vilar tras o éxito de Pradolongo. Un equipo de máis de 20 persoas desprazouse ata os Ancares para rodar nos cumios nevados algunhas das escenas deste filme, que continuará a súa rodaxe nos meses de xuño e xullo en distintas localizacións da montaña luguesa.

A trama Vilamor sitúase en 1976 e conta a historia dun seminarista que. ao volver de vacacións á súa vila natal, descobre que na aldea veciña se instalou unha comuna que ten alporizadas as forzas vivas do lugar. O argumento está inspirado nas comunas reais que se instalaron neses anos, algunhas delas nos mesmos lugares onde se está a rodar a película.

O reparto está encabezado por Rubén Riós, que encarna o seminarista Breixo, e por Sabela Arán, no papel dunha das mozas comuneiras. O resto dos habitantes da comuna están interpretados por actrices e actores galegos novos, como Sheyla Fariña, Rubén Prieto ou Paulo Serantes. Tamén ten un papel destacado Tamara Canosa, que xa protagonizara xunto a Rubén Riós o anterior filme de Ignacio Vilar, Pradolongo.

Tamén repiten no equipo técnico o coguionista Carlos Asorey, o director de fotografía Alberto Díaz “Bertitxi” ou a compositora Zeltia Montes, que foi multipremiada pola banda sonora de Pradolongo.

Do mesmo xeito que Pradolongo era unha historia localizada en Valdeorras, na que os personaxes falaban galego cos matices dialectais desa zona, neste caso o traballo de guión e dos actores tamén coidou moito o aspecto lingüístico. Así, poderemos escoitar o xeito de falar do Lugo máis oriental convivindo con outras variantes dialectais, das distintas zonas de Galicia das que proceden os comuneiros. O valor e a riqueza do noso patrimonio lingüístico e natural volve poñerse de manifesto nesta nova película de Ignacio Vilar, que aspira a superar o éxito que obtivo Pradolongo tanto entre o público galego como en numerosos festivais internacionais. 

Rodaxe na neve

A de Vilamor é a primeira longametraxe de ficción que se roda nos Ancares. Tampouco son moi habituais no noso cinema as rodaxes con neve a tanta altura, nas condicións nas que se realizou esta. Fixeron falta quitaneves e tractores para axudar a chegar ás localizacións, e o equipo de produción estivo pendente ata o último momento da meteoroloxía para saber se se podería completar a rodaxe de todas as imaxes necesarias con éxito.  No último tramo da rodaxe unha espectacular tormenta de neve contribuíu a que Ignacio Vilar e o seu equipo puidese filmar a beleza das montañas luguesas no inverno.

O equipo contou coa colaboración dos veciños, da Consellería do Medio Rural, da Deputación de Lugo e moi especialmente dun dos gardas de Recursos Naturais da Reserva dos Ancares, que lles axudou a acceder os lugares máis especiais para as localizacións desta historia. Deste xeito, Vilamor consegue describir non só unha época, a da transición en Galicia cos choques culturais entre os tradicionais veciños e os forasteiros que traían novas ideas, senón tamén a estreita relación de uns e outros coa natureza e co territorio tan singular e ás veces tan duro, no que viven.

Continúa a rodaxe

Con estas primeiras sesións deuse por empezada a rodaxe desta longametraxe, que continuará durante a primavera o traballo cos actores e as localizacións, e volverá á montaña de Lugo nos meses de xuño e xullo para rodar a totalidade do filme. A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Cervantes, Grandas de Salime, Santalla de Oscos e San Antolín de Íbias son os concellos nos que se sitúan as localizacións e os distintos espazos naturais que se poderán recoñecer na película.

Vilamor é a terceira longametraxe de ficción que dirixe Ignacio Vilar (Petín de Valdeorras,). Está producida por Vía Láctea Filmes e conta co apoio da Xunta de Galicia e da Televisión de Galicia, así como da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Prevese que a finais deste ano a película xa poida ser estreada nas salas de cinema todo o país.

Categoría: Noticias
Etiquetas: