COMEZA EN ARXENTINA A RODAXE DE «CAMPO CEREZO»

15 / 02 / 2008

Comeza en Arxentina a rodaxe de Campo Cerezo, comedia criolla na que participa a produtora galega independente SAGA TV. O filme conta co apoio do Programa Raíces, auspiciado en Galicia polo Consorcio Audiovisual.
O 13 de febreiro foi o primeiro día de rodaxe en Laprida, a cidade da Pampa Arxentina na que se está a desenvolver o proxecto. Nesta longametraxe pampera en 35 mm participa SAGA TV en coprodución con Arxentina e a produtora andaluza Artimagen Producciones. Un filme a tres bandas que se fixo posible grazas ó Programa Raíces, auspiciado en Galicia polo Consorcio Audiovisual.

En Campo Cerezo a participación galega está presente diante e detrás da cámara. O galego Monti Castiñeiras é un dos actores que participan no filme e da Dirección de Arte encárgase Xosé Luis Seara. Asemade, Marcos Gallego, director e produtor de SAGA TV, participa na Produción Executiva.

Patricia Martín, que presentara no ano 2004 a súa primeira longametraxe El jardín de las Hespérides, acomete a dirección de Campo Cerezo voltando a paisaxes que se afastan novamente de Bos Aires, na busca de outros espazos tamén presentes neste inmenso país austral. Campo Cerezo, un anaco de terra na que unha anciá sobrevive criando chivos criollos, é o epicentro dos desexos de tódolos protagonistas da trama. Un modisto galego chamado Klaus, unha ex-convicta, unha condesa rusa e moitos chivos, son os protagonistas dunha historia centrada nun terreo que non merece chamarse campo e no que non hai nin un só cerezo.

Categoría: Noticias
Etiquetas: