O Centro Galego de Artes da Imaxe proxecta esta semana tres comedias de Howard Hawks adscritas ao espírito da chamada screwball comedy, sorte de comedia louca, chea de personaxes gozosamente irresponsables e ritmo trepidante que se desenvolve con fruición nos anos 30 do século pasado. Haberá dous pases diarios (18.00 e 20.30 horas) dos clásicos La fiera de mi niña (1938) (mércores 23 de xaneiro), Me siento rejuvenecer (1952) (xoves 24 de xaneiro) e Su juego favorito (1964) (venres 25 de xaneiro), tres achegamentos en clave cómica ao cine do mestre Howard Hawks.   O importante legado do cineasta Howard Hawks (1896-1977), célebre autor de clásicos como Scarface (1932), Sólo los ángeles tienen alas (1939), Luna nueva (1940), El sueño eterno (1946), Río Bravo (1959) o ¡Hatari! (1962), ten unha breve retrospectiva no CGAI. Neste pequeno foco, proxectamos tres títulos, a mítica La fiera de mi niña (1938), a maxistral e orgánica Me siento rejuvenecer (1952) e a eficaz Su juego favorito (1964), comedias unidas fundamentalmente por dous feitos: a posta en escena e os aspectos visuais son as claves do humor –Hawks nunca empregaba frases graciosas ou como dicía Robin Wood, a comicidade que aplica é “cuestión de xesto, expresión e entoación”- e a complicidade dun intérprete determina, presente ou ausente, os tres títulos, o inigualable Cary Grant, protagonista das dúas primeiras e que, por razóns de idade, declinaría participar en Su juego favorito, substituído por Rock Hudson.  

Mércores 23 de xaneiro (18.00 e 20.30 horas)
BRINGING UP BABY / LA FIERA DE MI NIÑA     
(Estados Unidos, 1938)
Dirección: Howard Hawks. Guión: Dudley Nichols, Hagar Wilde, sobre unha historia de Hagar Wilde. Produción: RKO Radio Pictures. Fotografía: Russell Metty. Intérpretes: Cary Grant, Katherine Hepburn. Duración: 102 minutos.  
David Huxley, un paleontólogo, precisa un millón de dólares para concluír as súas investigacións sobre a reconstrución dun dinosauro. Ten unha reunión co avogado dunha millonaria interesada en subvencionar o proxecto. Mentres, crúzase no seu camiño Susan Vance, unha moza da alta sociedade. O leopardo domesticado de Susan, Baby, enterra a clavícula intercostal do esqueleto de dinosauro. David parece volverse tolo na procura do óso. O dúo protagonista Grant-Hepburn, os excelentes secundarios –de Barry Fitzgerald a May Robson pasando por Ward Bond ou Charles Ruggles-, o sentido moral e o maxistral oficio de Hawks máis un xeneroso guión fabrican esta comedia mítica e influínte que vai chegar no tempo ata o tributo talentoso –de ¿Qué me pasa, doctor? (1972) de Peter Bogdanovich ata parte da “comedia de aduanadas” contemporánea- construíndo un dos títulos emblemáticos do Hollywood clásico.    

Xoves 24 de xaneiro (18.00 e 20.30 horas)
MONKEY BUSINESS / ME SIENTO REJUVENECER    
(Estados Unidos, 1952)
Dirección: Howard Hawks. Guión: Ben Hetch, I.A.L. Diamond e Charles Lederer, sobre unha historia de Harry Segall. Produción: Twentieth Century-Fox. Fotografía: Milton Krasner. Intérpretes: Cary Grant, Ginger Rogers, Charles Coburn, Marilyn Monroe. Duración: 97 minutos.
Un científico e a súa muller, o matrimonio Fulton, volven á infancia logo de beber unha apócema de xuventude inventada accidentalmente por un chimpancé. A habilidade, pulso e intensidade narrativas de Hawks ao servizo dun filme capaz de soster o caos máis gozoso de xeito orgánico. A inversión de papeis, a recuperación da infancia e a exploración das sensacións perdidas proporcionan mesmo un segmento final inesquecible, xenial e hilarante, digno da tolemia orquestrada polos mellores irmáns Marx.     

Venres 25 de xaneiro (18.00 e 20.30 horas)
MAN’S FAVORITE SPORT? / SU JUEGO FAVORITO  
(Estados Unidos, 1964)
Dirección: Howard Hawks. Guión: John Fenton Murray, Steve McNeil, sobre unha historia de Pat Frank. Produción: Gibraltar-Laurel para Universal. Fotografía: Russell Harlan. Intérpretes: Rock Hudson, Paula Prentiss. Duración: 127 minutos.  
Un experto en pesca, Roger Willoughby, autor dun libro de gran popularidade, Manual do perfecto pescador, non pescou na súa vida. Logo de coñecer a unha audaz moza, Abigail, vese obrigado polo seu xefe a participar nun torneo de pesca. Caso non participar, a súa carreira pode verse en perigo. Logo de ¡Hatari!, Hawks volvía á comedia –dez anos despois de Los caballeros las prefieren rubias (1953)– sen Cary Grant, mais cun laborioso Rock Hudson, e coa excelente (hoxe inxustamente esquecida) Paula Prentiss nun título con reminiscencias da obra anterior do autor –e moitas analoxías con La fiera de mi niña-, cortes na súa duración por parte de Universal e unha nova incursión (con variantes) na guerra de sexos, desenvolvendo con suma eficacia cuestións como o concepto de profesionalidade, os esforzos do home en diversas direccións e o conflito crucial, sinalado polo coñecido escritor cinematográfico Robin Wood, entre o instintivo e o consciente.