COLOQUIO GALAICO-MAROQUÍ EN BARCELONA EN TORNO Á SERIE «HANAN» DE IBISATV

27 / 05 / 2008

O Maio Cultural Galego chegou estes días a Cataluña e, máis concretamente, o Centro Galego de Barcelona, que organizou un acto de convivencia galego-marroquí, en torno a serie de TV «Hanan», a primeira coprodución audiovisual entre España e Marrocos.
A proxección do primeiro capítulo de «Hanan» e o animado coloquio que tivo lugar seguidamente contaron coa participación do director da serie, Valentín Carrera, da presentadora da SNRT, Zoubaida El Fathi e de Mohammed Chaib, deputado socialista no Parlamento de Cataluña. Ó acto acudiron tamén Xosé Méndez López, presidente do Centro Galego de Barcelona, José Luis Vergara e Ahmed Moussa, Cónsul de Marrocos en Barcelona.

Os participantes no Maio Cultural Galego celebrado en Barcelona compartiron nas súas intervencións unha decidida aposta polo diálogo intercultural, na liña da serie «Hanan» e, máis recentemente, da serie «Linatakalam», «unha serie para desarmar a Historia», tamén coproducida por IBISAtv e recentemente galardoada coa Medalla de Ouro do World Media Festival de Hamburgo.

«O diálogo -coincidiron os contertulios-, é o verdadeiro camiño para a solución de conflictos. Desgraciadamente, os conflictos reais non se disolven coma un azucarillo nun vaso de auga. Ou se solucionan, ou persisten e, cando non se solucionan, os conflictos púdrense e empeoran. Os conflictos resolvense falando co outro, co que teñen unha posición distinta ou contraria e incluso co inimigo. Mellor dito: falando principalmente do inimigo, pois é co inimigo con quen hai verdadeira necesidade de dialogar para resolver cada problema. Os xudíos cos palestinos, os gobernos cos terroristas, os turcos cos kurdos, os parisinos cos magrebíes e Corea do Norte con Corea do Sur. ¿Podemos imaxinar outro modo de resolver os conflictos?»

«Hanan. De Galicia a Marrocos. O que nos une», expresión árabe de amizade ou afecto, é unha serie de televisión hispano-marroquí, narrada polas voces de María Bouzas e Luís Iglesias, na que participaron Televisión de Galicia, IBISAtv, Localia, TVE e a Televisión de Marrocos (RTM). Hanan» transmite a imaxe de Galicia e Marrocos, a todo o mundo. Foi emitida con éxito por Localia, por TVE e polo Canal Internacional de TVE (Europa, África, América e Oceanía), polas televisións de Marrocos y TVG, co que é unha serie galego-marroquí con grande repercusión internacional.

Os paralelismos entre Galicia e Marrocos trázanse mediante xogos visuais e transicións que lle mostran ao espectador as similitudes -«o que nos une»-, os contrastes e os equívocos. A serie toma o seu nome de Hanan El Omari, nena real, de fermosos ollos negros, nena nacida en Santiago de Compostela de pais bérberes, que é o mesmo tempo cidadá galega e marroquí, árabe e europea. Hanan é un símbolo «do que nos une»: o que une a Galicia e a Marrocos, o que achega as dúas beiras de auga e area, e é tamén un símbolo do futuro de convivencia e mestizaxe cara ao que camiñan ambas as sociedades.

A inmigración en positivo

A rodaxe fíxose con dous equipos mixtos, integrados por técnicos e profesionais galegos e marroquís, en soporte dixital, cunha vintena de entrevistas e exteriores en localizacións de Galicia e Marrocos: Tánxer, Rabat, Casablanca, Fez, Meknes, Marrakex, Safi, Essaouira, Atlas, Boulemane, Saidía, Santiago de Compostela, Baiona, A Coruña, Arteixo, Boiro, Camariñas, Arzúa, Pontedeume, etc.

Os capítulos artéllanse en torno a seis asuntos principais: a emigración/inmigración, considerada como un feito positivo do que Galicia e Marrocos participan e participaron historicamente; a situación da muller; a música e a arte; o feito relixioso en Marrocos e en Galicia; a economía representada en sectores clave como a pesca, o téxtil ou a construción; e o turismo como horizonte cultural mutuamente enriquecedor.

Os guións afondan nos lazos humanos de unión e convivencia, fronte á falsa hostilidade inducida polo medo á diferenza. O punto de vista da serie parte dunha actitude solidaria e positiva cara á inmigración e dunha actitude aberta ante as demais culturas, ante calquera outra manifestación cultural, como algo que se vai compartir, que nos enriquece, percorrendo xuntos o mesmo camiño co fin de atopar o benestar e o pracer, da sabiduría e da concordia.

Categoría: Noticias
Etiquetas: