O CLAG INCORPORA COMO SOCIO Á COMPAÑÍA BAMBÚ PRODUCCIONES

24 / 01 / 2013

O Clúster Audiovisual Galego (CLAG) vén de incorporar como socio á compañía galega Bambú Producciones, punteira no sector da produción en España. Esta nova adhesión pon de manifesto o apoio ao proxecto do Clúster dunha das empresas máis relevantes do panorama audiovisual actual.

Bambú Producciones é unha produtora nova, creada en 2008 e liderada polos produtores executivos Ramón Campos e Teresa Fernández Valdés. Entre os seus obxectivos inmediatos está desenvolver e producir proxectos de ficción para televisión.

O ton realista das súas series e a súa coidada produción foron os factores que lle propiciaron os maiores éxitos televisivos. Entre as obras producidas por esta compañía salientan as series de ficción “Guante Blanco” (TVE), “Hispania, la leyenda” (Antena 3), “Gran Reserva” (TVE) e “Gran Hotel” (Antena 3).

Con esta nova incorporación, o CLAG suma un total de 45 empresas asociadas, entre as que se encontran as compañías máis importantes, dinámicas e emprendedoras da creación audiovisual actual, que pertencen ós ámbitos da produción de cine e televisión, da formación, de servizos coma a postprodución de audio e vídeo ou a dobraxe, e canles de televisión. Unha cifra importante de socios tendo en conta a difícil situación pola que atravesa o sector audiovisual no noso país, e que o Clúster conseguiu manter grazas á súa intensa actividade e aos esforzos realizados nos últimos tres anos.

Categoría: Noticias
Etiquetas: