O CINE EUROÁRABE QUE PROMOVE AMAL CHEGA A OUTROS PUNTOS DE GALICIA

13 / 10 / 2011

A Galería Caroní da Fundación Araguaney acolleu esta mañá a presentación do Ciclo de Cine Experimental organizado polo Festival Amal. Trátase dunha actividade innovadora, que pretende achegar o cine euroárabe a diversos puntos da xeografía galega. Por isto, serán oito curtametraxes euroárabes independentes cun claro carácter experimental os que se proxecten en cinco museos de arte contemporánea galegos: CGAC (Santiago de Compostela), MARCO (Vigo), MACUF (A Coruña), Museo Provincial (Lugo) e Centro Cultural Edificio Simeón (Ourense).

Amal 2011 espera desta forma contribuír ao enriquecemento do panorama cultural en Galicia, fomentando a interculturalidad e a innovación en beneficio de toda a sociedade.

As oito curtametraxes emitiranse nas pantallas habilitadas para iso en cada un dos museos de arte contemporánea. En todas as cidades que colaboran poderemos ver os seguintes: “A Film”, de Hisham Bizri (Líbano); “Dru”, de Jihane Chouaib (Francia); “Dot”, de Eid Abdel Latif (Exipto); “Missing”, de Tariq Rimawi (Xordania / Reino Unido); “The last passenger”, de Mounes Khammar (Alxeria); “Al Massilah”, de Peter Webber (Catar); “Exit”, de Mohanad Yaqubi (Palestina / Francia) e “The Power of generations”, de Mohammed Jassim (Bahréin).

Esta mañá así o presentou o director do Festival Amal, Ghaleb Jaber, quen insistiu en que Amal Experimental é unha iniciativa nova, pioneira en Galicia, “que representa a xuventude do cinema árabe, posto que as curtametraxes emitidas son feitas por directores de diferentes países e todos eles buscan a esencia da linguaxe do cine árabe. Ademáis, o Festival Amal é un festival de tódolos galegos, a referencia do mundo árabe en Galicia, e Amal Experimental fai posible que as produción deste certame cheguen a toda a nosa comunidade”.

Á rolda de prensa tamén asistiron Cristina Trigo Martínez, Coordinadora do Servizo de Educación e Actividades do CGAC; Francisco Cougil Hermida, Técnico do Centro Cultural da Deputación de Ourense e Coralie Yap Chine, Coordinadora do Festival Amal. Manifestaron o seu agradecemento tamén os representantes do MARCO, MACUF e Museo Provincial de Lugo a través dunha carta, posto que non puideron asistir.

As proxeccións das 8 curtas será en bucle e a duración é de 1 hora en total. As datas de Amal Experimental son dende o sábado 22 e ata o sábado 29.

 

Horarios particulares:

Centro Cultural Deputación de Ourense Edificio Simeón: 24-26 Outubro de 19,00 -22,00 h

CGAC: 22, 23, 24, 25-29 Outubro de 16,00 a 20,00

MACUF: 22 Outubro de 20,00 a 21,00; 25-29 Outubro de 11,00 a 14,00 e de 17,00 a 21,00 h.

MARCO: 22, 29 Outubro, de 11,00 a 21,00; 23 Outubro de 11,00 a 15,00; 25-28 Outubro de 18,00 a 19,00 horas.

Museo Provincial de Lugo: 22 de Outubro de 19,00 a 20,00; 24-29 Outubro de 18,00 a 20,00 horas.

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: