O CGAI ADICA A SÚA SESIÓN DE MAÑÁ A ALBER PONTE

30 / 11 / 2012

O Centro Galego de Artes da Imaxe proxecta este sábado día 1 de decembro (18.00 horas) unha sesión dedicada ao polifacético (docente, director, músico, actor) e prolífico Alber Ponte, coa presentación de catro das súas últimas curtametraxes, incluída Los pájaros perdidos con carácter de estrea. O propio director terá un encontro co público. A entrada é de balde.   

Alber Ponte (1963) está a punto de iniciar a preprodución de LITTLE GALICIA, unha longametraxe de alta comedia coproducida polo propio Alber Ponte e Pedro Masó (coa participación de Vaca Films), escrita e dirixida por el e que se desenvolve case integramente en Nova Iorque. O filme conta cun reparto no que interveñen  Gustavo Salmerón, Fran Grela, Mabel Rivera, Jose Ángel Egido, Arturo Fernández, Angie Cepeda, Camila Bossa, Luis Tosar e X.Manuel Olveira «Pico».

DEMASIADO LEJOS    
(España, 2010)
Dirección e guión: Alber Ponte. Produción: Producciones Sierra Madre. Fotografía: Roberto San Eugenio. Intérpretes: Celia Guerrero, Zack Eisaku. Duración: 20 minutos.  
Nas illas Filipinas de finais do século XIX, Salu, un nativo que malvive traballando nas terras dun terratenente español, visita a Irmá Águeda para pedirlle un gran favor.
 
ME LLAMO RAMA    
(España, 2011)
Dirección e guión: Alber Ponte. Produción: Producciones Sierra Madre. Fotografía: Roberto San Eugenio. Intérpretes: Fran Grela, Camila Bossa, Mabel Rivera, Xosé Manuel Olveira «Pico». Duración: 30 minutos.  
Luísa visita a seus pais, residentes nunha pequena vila próxima a Santiago de Compostela, coa intención de presentarlles a súa parella. O que eles aínda non saben é que o mozo da súa filla é Rama, un hindú sikh.
  
YOU KNOW WHERE I AM    
(España, 2012)
Dirección e guión: Alber Ponte. Produción: Producciones Sierra Madre. Fotografía: José Luis Solomón. Intérpretes: Isabel Peris Jensen, Alfonso Barquero, Alber Ponte, Celia Guerrero. Duración: 9 minutos.
Mary e Jimmy son irmáns e viven á beira dun gran río que cruza Carolina do Norte (Estados Unidos). Ela quere vivir con el para sempre. Con música de Sergio Pena, a curtametraxe ten a súa estrea en España.   

LOS PÁJAROS PERDIDOS    
(España, 2012)
Dirección e guión: Alber Ponte. Produción: Producciones Sierra Madre e Producciones Guanabacoa. Fotografía: Roberto San Eugenio. Intérpretes: Manuel Botana, Celia Guerrero, Gustavo Salmerón. Duración: 14 minutos.  
Sebastián é un home maior que padece Alzheimer. Elena é unha muller cunha abafante vida privada, e que, entre outras cousas, traballa coidando de Sebastián. Ambos os dous son paxaros perdidos. Estrea.

Categoría: Noticias
Etiquetas: