A ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL DARÁ A COÑECE-LOS FINALISTAS ÓS MM 04 A VINDEIRA SEMANA EN ROLDA DE PRENSA

A Academia Galega do Audiovisual dará a coñecer ós 4 finalistas de cada unha das 25 categorías establecidas nas bases dos Premios Mestre Mateo 04 a vindeira semana, botando man da máis rigurosa transparencia. Será en rolda de prensa onde o propio Notario vaia abrindo os sobres lacrados que conteñen os nomes dos traballos ou dos profesionais nominados de cada categoría, de tal xeito que ninguén, nin a Xunta Directiva da Academia nin ningún estamento implicado no proceso de votación, saberá os resultados antes que os propios medios de comunicación.

Xa podes descargarte os proxectos presentados os PMM04

A través do menú servicios terás acceso a tódolos proxectos de publicidade e multmimedia presentados os Premios Mestre Mateo 2004.

A GALA DE ENTREGA DOS PREMIOS MESTRE MATEO SERÁ O 20 DE MARZO EN VIGO

A Gala de Entrega dos Premios MM04 apraza a súa celebración para o vindeiro 20 de marzo. O lugar que este ano acolle o evento, é o Teatro de Caixanova en Vigo –García Barbón-, e a Academia Galega do Audiovisual está xa traballando na súa organización técnica e artística.

33 PRODUCTORAS PRESENTAN 89 PRODUCCIÓNS ÓS PREMIOS MESTRE MATEO 04

Un total de 33 empresas productoras –incluíndo a TVG- presentan un total de 89 produccións ás 25 categorías en que se distribúen os “Premios Mestre Mateo 04”, que este ano celebrará a súa Gala de Entrega o 13 de marzo próximo. A Academia Galega do Audiovisual está xa en pleno proceso de elección de Nominados, tendo este ano como novidade dentro das Bases que rexen os MM’04 a carencia de Xurado, é dicir, que son os propios socios da Academia quen elixen tanto ós Nominados na primeira fase, como ós gañadores na derradeira fase do proceso.

OS PREMIOS MESTRE MATEO 04 CARECEN ESTE ANO DE XURADO: SERÁN OS PROPIOS SOCIOS DA ACADEMIA QUEN ELIXAN ÓS GAÑADORES

O 27 de xaneiro remata o prazo para realiza-las alegacións dos socios, ás candidaturas presentadas ós Premios Mestre Mateo 04, candidaturas que foron presentadas xa nos meses de novembro e decembro pasados. O día 12 de xaneiro abríuse o prazo de alegacións ás mesmas. Unha das innovacións que incorporan as Bases dos Premios Mestre Mateo 04 respecto das edicións pasadas, é que non só as empresas productoras poden presentar candidaturas ós Premios, senón que tamén poden presentalas os profesionais, as televisións, as escolas...

ABERTO O PRAZO DE PRESENTACIÓN DAS CANDIDATURAS ÁS 25 CATEGORÍAS DOS PREMIOS MESTRE MATEO O4

A Academia Galega do Audiovisual abríu hoxe mércores 24 de novembro o prazo de presentación das candidaturas para as 25 categorías recollidas nas Bases, para os Premios Mestre Mateo 04 que celebrará o vindeiro ano a súa Gala anual. Os traballos aspirantes ós Premios que antes da data de remate de presentación non estivesen aínda estreados, publicados nin emitidos, deberán acreditar que o serán antes do 31 de decembro próximo. O prazo máximo para presenta-los traballos será o 17 de decembro

COMISIÓN DE TRABALLO PARA AS NOVAS BASES REGULADORAS DOS PMM.

Na última asemblea da Academia Galega do Audiovisual, celebrada o pasado 27 de marzo, a Xunta Directiva anunciou que se crearía unha comisión que propuxera unhas novas bases reguladoras dos Premios Mestre Mateo. Esta comisión traballará durante todo o mes de setembro para que en outubro as teñamos preparadas. Convidámos a todos os socios a participar na citada comisión, que estará integrada por dez profesionais representativos de cada unha das especialidades que figuran nos nosos estatutos (Produción, Dirección, Escritores Audiovisuais, Interpretación, Arte, Promoción, Fotografía, Música, Son e Posprodución). Quedamos á espera dos vosos correos, que confirmen a vosa dispoñibilidade. Anunciar que será un traballo duro pero necesario para os Premios Mestre Mateo 2004 e sucesivos. Recibide un saúdo.

OS GAÑADORES DOS MESTRE MATEO 03

Gran éxito da Gala de entrega dos Premios celebrados o sábado 26 Ó fin, soubémo-los gañadores dos Premios Mestre Mateo 03, no decurso da exitosa Gala celebrada o sábado 26 de xuño en Santiago, no Pazo de Congresos. Unha morea de profesionais déronse cita nesta Festa á que non faltaron os artistas, pero tampouco faltaron o amplo abano de profesións que integran o sector audiovisual, e outros, que representan a diversos sectores productivos da sociedade galega. Un éxito considerado máis que positivo, toda vez que a industria audiovisual vai sendo considerada como tal, e achega a el a moi diversos sectores sociais.

LUÍS ÁLVAREZ POUSA, O CINE CLUB DE PONTEVEDRA E RICKY MORGADE, PREMIOS ESPECIAIS MESTRE MATEO 03

O Notario recibíu xa o 95 % dos votos dos socios da Academia A Xunta Directiva da Academia Galega do Audiovisual, ven de decidir xa ós profesionais que recibirán cada un dos tres premios especiais que outorga este organismo. Os premios son: o Premio Revelación “Chano Piñeiro” –ó profesional nóvel en calquera das categorías-, e que foi concedido ó director de fotografía Ricky Morgade; o Premio Especial “José Sellier” –á traxectoria empresarial e/ou institucional- que recaíu no Cine Club de Pontevedra, e o Premio de Honra “Fernando Rey”, á traxectoria profesional, que será recibido por Luís Álvarez Pousa.

OS PROTAGONISTAS DO AUDIOVISUAL GALEGO NON SÓ TEÑEN ROSTRO FAMOSO

Foi a noite do audiovisual, a noite do encontro de tódalas profesións que conforman e dan vida ó sector audiovisual. Actores e actrices, sonidistas, iluminotécnicos, maquilladores, decoradores, realizadores, directores, guionistas... todos, dende o rostro famoso que asoma pola pantalla ata os técnicos que fan posible que ese rostro forme parte dun conxunto de elementos que conforman o producto audiovisual, tiveron na noite do venres o seu día. Porque na “Festa dos Nominados” non houbo diferencias: todos eran protagonistas.