A Asemblea Xeral Extraordinaria de socios do Cluster Audiovisual Galego (Clag) ratificou onte, mércores, por unanimidade a continuidade do produtor Andres Barbe como presidente do Cluster para os vindeiros tres anos. Tamén se aprobou a composición da nova Xunta Directiva do organismo intermedio.

Trala súa ratificación como presidente do Clag durante a asemblea de socios celebrada onte, na sede do Clag en Santiago, o produtor Andrés Barbé comeza o seu segundo mandato á fronte do Clúster logo de chegar á presidencia en decembro de 2010.

Os asistentes ratificaron tamén por unanimidade a nova Xunta Directiva presentada polo presidente do Clúster, quedando aprobada a súa constitución polos seguintes membros: Presidente: Andrés Barbé (Formato Producciones); Vicepresidentes: Celestino Hermida (Área 5.1 Factoría Audiovisual), Inmaculada Castaño (Filmax); Tesoureira: Inmaculada Castaño (Filmax); Secretaria-Xerente: Mar Varela; Vogais da Área de Contidos de Televisión: Antonio Varela (Pórtico Comunicación), Julio Casal (Ficción Producciones) e Suso Suárez (Telecable Compostela); Vogais da Área de Contidos de Cine: Jorge Algora (Adivina Producciones) e Ignacio Benedeti (IB Cinema); Vogal da Área de I+D+i: Esther Medina (TVG); Vogal da Área de Dixitalización e Servizos: Tato Alonso (Spica); e Vogal da Área de Internacionalización e Márketing: Julio Casal (Ficción Producciones).

Ademais de ambas ratificacións unánimes, no transcurso da Asemblea fíxose un balance da presidencia de Andrés Barbé no período 2011-2013, no que o produtor puxo de manifesto “os logros do clúster na excelencia da súa xestión”, coa obtención do galardón Bronze Label, distintivo a nivel europeo que recoñece a excelencia dos clusters na súa xestión. O Clag está entre os nove clusters galegos que contan con este recoñecemento.

Internacionalizacion do audiovisual

Andrés Barbé tamén salientou “a aposta que está a facer o ente pola internacionalización das empresas do audiovisual galego”, e adiantoulles aos asistentes que a partir de 2014 a actividade do Clag neste ámbito estará orientada, principalmente, á realización de misions empresariais directas en destinos coma Chile, México, Colombia, Israel ou Singapur, que son de especial interese para a actividade desenvolta polas compañías integradas no Clúster.

En canto á colaboración con outras institucións, o presidente do Clag salientou que se está traballando para ampliar a presenza do Clúster noutras entidades coma as Universidades, Centros Tecnolóxicos, etc. Neste sentido, Barbé salientou a colaboración que se está a manter co Clúster TIC Galicia.

Actuacions do Clag en 2014

A xerente do Clag, Mar Varela, indicou que o camiño a seguir polo Clúster no futuro próximo irá encamiñado a promover e estruturar proxectos colaborativos de innovacion, tendo en conta que as recomendacións, tanto da Dirección Xeral da Empresa e Industria da Comisión Europea coma das administracións central e autonómica, van neste sentido. Tamén explicou que os organismos europeos ven nos clusters os canalizadores para que as axudas á innovación revistan no tecido empresarial.

En canto ás actuacións que desenvolverá o Clúster o vindeiro ano, Mar Varela informou aos asociados que xa se está a traballar na vindeira edición do pitching “I+P, Ideas para producir”, que será de ámbito internacional; continuarase co ciclo de coloquios cos principais axentes do panorama audiovisual español, e vaise a realizar tamén unha nova edición dos foros estratéxicos, entre outras.