Bos Aires acollerá a partir do vindeiro 29 de xullo a I Mostra Internacional do Cine Árabe en Arxentina Ollos que ven, unha actividade organizada pola Asociación Creciente Cine Fértil en colaboración co Festival Internacional de Cine Euroárabe Amal. O obxectivo que persigue esta Mostra é difundir a cultura árabe a través do cine, así como achegar ao público arxentino a realidade social e cultural do mundo árabe.

A programación de Ollos que ven, que foi planificada polo equipo de Amal, ofrecerá un total de 30 producións de orixe ou temática árabe que, na súa maioría, serán exhibidas por primeira vez en Arxentina. A inauguración terá lugar o 29 de xullo no Centro Cultural Ricardo Rojas cunha gala de apertura, seguida da actuación da música de Mariem Labidi e da proxección da curtametraxe Borderlands. O resto de actividades desta Mostra Amal desenvolveranse nun total de oito días ata o 14 de agosto. A programación completa pode consultarse na web www.cinearabe.blogspot.com.

O cartel da I Mostra Internacional de Cine Árabe en Arxentina inclúe unha longametraxe de ficción, oito curtametraxes documentais, oito curtas de ficción e doce documentais de longa duración. Todos estes traballos foron exhibidos na pasada edición de Amal excepto Borderlands, que pertence ao Festival de 2008.

En palabras da asociación Creciente Cine Fértil, a mostra “é unha manifestación da riqueza e a interculturalidade que caracteriza a idiosincrasia do mundo árabe, visibilizando as raíces e a produción actual de nacións cuxos descendentes representan o 10% da nosa poboación”.

A Asociación Creciente Cine Fértil foi creada en 2003 por un grupo de mozos da Universidade de Bos Aires interesados na difusión e discusión crítica en América Latina do cine árabe e documental para promover a cultura cinematográfica e audiovisual do mundo árabe dende Argentina cara América Latina.