Os alumnos do CICA (Curso de Posgrao en Comercialización Internacional de Contidos Audiovisuais), título propio da Universidade da Coruña xestionado pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, acudirán do 3 ao 6 de outubro ao MIPCOM, o mercado de TV en Cannes (Francia).

MIPCOM é o evento mundial de contidos onde os profesionais tratan a creación, coprodución, compravenda, financiamento e distribución de contido de entretemento para todo tipo de plataformas. É un mercado e un foro único para que os responsables da toma de decisións dos sectores de contido, produción e distribución de produtos audiovisuais descubran novas tendencias de futuro e comercien os dereitos dos contidos a escala global.

Os alumnos afianzarán os coñecementos adquiridos na aula de formación a través das prácticas que realizarán durante este mercado, tutelados por axentes comerciais e integrados nalgunhas das empresas máis importantes do sector como Latido Films, Imagina International Sales e Vértice 360º. Asistir a estes mercados brinda a oportunidade aos alumnos de participar no intercambio comercial que realizarán os responsables destas empresas, nesta ocasión, con distribuidoras e axentes de ventas de México, Ucrania, Taiwán, China, Rumanía, Italia, Japón, Brasil, Colombia, Polonia, Rusia, etc.

Ademais, os alumnos de CICA terán a oportunidade de coñecer a tódolos grandes estudios de contidos, produtores independentes, axencias de publicidade, operadores de redes dixitais e provedores de solucións de contidos. E descubrir as tendencias, ideas e formas de negocio máis novidosas de todo o mundo.

CICA pretende, deste xeito, formar profesionais que coñezan os produtos audiovisuais e os mecanismos que están funcionando nos mercados internacionais, para tratar de conseguir que o audiovisual galego –e español–, teña cada vez unha maior presenza e relevancia neste tipo de mercados. A clave é estar no punto de encontro dos especialistas.

O equipo docente de CICA, curso que conta coa colaboración do Instituto de Comercio Exterior (ICEX), está formado por responsables das empresas con maior proxección, tanto de televisión como de cine e novos media. As clases son eminentemente prácticas, baseadas nos análises de casos e de experiencias reais dos contidos punteiros de cada tempada nos ámbitos nacional e internacional.

 

Ademais de a este evento, os alumnos teñen asistido ao longo do curso a outros mercados internacionais como o MIPTV (abril) e o Festival de cine (maio). Con estas prácticas finaliza o curso académico 2010/11.