Desde principios de outubro atópase en rodaxe Los fenómenos, a segunda película como director de Alfonso Zarauza, un drama social con toques de comedia que produce a empresa ZircoZine. A filmación estase desenvolvendo durante cinco semanas en distintos puntos de Galicia como A Coruña, Miño ou Ares. Os fenómenos, cuxo guión escribiron o propio Alfonso Zarauza e Jaione Camborda, vira en torno ao personaxe de Neneta, unha muller que vive nunha furgoneta e que, tras desaparecer a súa parella, vólvese cun bebé ao seu pobo natal, en Ferrol. Alí ten que seguir vivindo na furgoneta ata que atopa un posto de peón na construcción. É un oficio de homes, pero consegue sobrepoñerse con coraxe e, en compañía da súa cuadrilla, empezan a ser coñecidos no mundillo da construcción como “Os fenómenos”, pola súa capacidade para levantar metros cadrados construídos. En pleno boom do ladrillo, Neneta logra gañar moito diñeiro e comeza a albergar o soño de comprarse un piso onde poder criar ao seu fillo. Cando ao fin conségueo, estala a crise e o soño dunha vida mellor se desmorona. Lola Donas dá vida á gran protagonista. Acompáñana no elenco un amplo reparto de actores galegos, como Luís Tosar, Xosé Antonio Touriñán, Miguel de Lira, Xulio Abonjo, Antonio Durán “Morris”, Federico Pérez, Juan Carlos Bellido, Farruco Castromán e Alfonso Agra.

Los fenómenos é a segunda película como director de Alfonso Zarauza, tras A noite que deixou de chover, que tamén contou no seu elenco con Tosar ou De Lira. Na parte técnica, acompáñanlle no novo proxecto Alberto Díaz “Bertitxi” na dirección de fotografía; Curru Garabal na dirección de arte; David Machado no son directo; e Pablo Atienza na dirección de produción. A música é de Piti Sanz, e da montaxe encargarase Juan Carlos Arroio. O filme prodúceo a empresa ZircoZine, fundada en 2007 por Luís Tosar e Farruco Castromán, e que se converteu nunha das máis dinámicas do panorama audiovisual galego. De feito, produciu neste tempo cinco longametraxes (Ao final do camiño, Crebinsky, 18 comidas, Doentes e Operación E), unha tv-movie (Encallados) e unha curta (Xoel e os X-Men). Ademais, conta cunha sección dedicada á produción musical. Castromán é o productor executivo dos fenómenos, que acabará de rodarse o 7 de novembro en Miño, logo de cinco semanas nas que tamén pasou pola Coruña ou Ares.