A XUNTA DE GALICIA MOBILIZARÁ 10 MILLÓNS EN PRÉSTAMOS PARA FINANCIAR AS PRODUCIÓNS AUDIOVISUAIS DAS PEMES GALEGAS
Co obxectivo de superar as dificultades que atopan as pemes galegas do sector audiovisual para acceder ao financiamento que precisan para desenvolver as súas producións, a Consellería de Economía e Industria impulsa a posta en marcha dunha nova liña específica coa que se prevén mobilizar préstamos subsidiados por importe de 10 millóns de euros.
Segundo manifestou en roda de prensa o director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, Joaquín Varela de Limia Cominges, as producións audiovisuais requiren importantes investimentos e caracterízanse polos “longos períodos sen retornos, ata que a empresa vende o produto e cobra”. Por esa razón, indicou Varela, “as pemes atopan dificultades para financiar proxectos viables, suxeitos a pactos de venda e con apoios públicos que aseguran a súa rendibilidade”. Por iso, engadiu, “habilitamos agora unhas bases específicas, adecuadas ás características e necesidades do sector, para facilitar o financiamento das producións audiovisuais”.
As bases reguladoras deste nova liña financeira, publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia, servirán para apoiar o financiamento de producións de longametraxes, películas de televisión, documentais, produtos de animación, series de ficción ou programas piloto e produción de contidos interactivos, entre outras. As bases están dotadas cunha partida orzamentaria de 825.000 euros para subsidiar, en 4 puntos porcentuais, os préstamos bancarios destinados a financiamento das producións, e para compensar as comisións das entidades financeiras e, se é o caso, as das sociedades de garantía recíproca que avalan as operacións.
As bases de apoio a producións audiovisuais servirán para financiar préstamos de ata 1.5 millóns de euros por operación ou ata un máximo de ata 2,3 millóns por produtora en tres anos consecutivos. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde mañá ata o 30 de xuño de 2011.
O director xeral do Igape lembrou que, ademais desta nova liña específica, o sector das industrias culturais, do que forma parte importante o audiovisual, recibe habitualmente apoio ao abeiro das liñas xerais do Igape para os investimentos, a mellora da competitividade, o incremento da capacidade innovadora ou a internacionalización das empresas galegas. Segundo destacou Joaquín Varela, no que vai de ano, o Igape concedeu a este sector axudas por importe de 4,3 millóns de euros.
O director xeral do Igape lembrou, por outra banda, que as axudas do Instituto ao sector do audiovisual tamén se orientan a través do convenio que vén de subscribir co Clúster Audiovisual Galego e que contempla unha achega de 242.094 euros para tres anos, para apoiar o financiamento dos plans de desenvolvemento e internacionalización impulsados polo CLAG para potenciar e incrementar a competitividade e a capacidade de internacionalización das empresas do sector audiovisual no seu conxunto.
No marco deste acordo de colaboración plurianual, o Igape apoiará o financiamento das iniciativas impulsadas polo Clúster Audiovisual Galego (CLAG) en materia de fomento á cooperación, dinamización sectorial e difusión, innovación, desenvolvemento tecnolóxico, formación e, especialmente, internacionalización. O Clúster Audiovisual Galego é unha entidade asociativa que actúa sen ánimo de lucro e que conforma unha alianza estable de 54 compañías do sector audiovisual galego integradas na cadea de valor do proceso de produción e distribución de produtos audiovisuais e de novas tecnoloxías. O CLAG estrutura a súa actuación en eixos estratéxicos como internacionalización e promoción, dinamización sectorial, innovación e desenvolvemento tecnolóxico, e formación. Ten como fin primordial o de contribuír ao desenvolvemento e á consolidación do sector audiovisual galego.
No actual marco de globalización dos mercados, o Clúster Audiovisual Galego impulsa agora un Plan de Internacionalización que inclúe iniciativas de promoción en foros sectoriais fóra de Galicia e que contarán co apoio da Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, mediante o desenvolvemento do convenio citado. Esta actuación do CLAG encaixa nas estratexias de apoio á mellora da competitividade e de impulso á internacionalización impulsadas pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape, que inclúe servizos e axudas publicas pero que tamén se apoia na colaboración coas organizacións empresariais e cos clústeres dinámicos e con ambición de proxectarse ao exterior.