Protagonizada por Vicente de Souza, a rodaxe levouse a cabo durante o mes de setembro de 2010 a cabalo entre Santiago de Compostela e Vigo. O equipo técnico está formado por xoves profesionais que, na maioría, xa colaboraran en outras ocasións coma en “Relación de acordes” (2009), do mesmo director.  A música é obra do artista sonoro Xesús Valle, e a dirección de Fotografía é de Lucía C. Pan.

A curtametraxe recibiu unha subvención o ano pasado ao desenvolvemento e promoción do Talento audiovisual Galego, promovida pola AGADIC,  na categoría de curtametraxe Experimental.  Ademáis contou coa colaboración de moitas empresas e institucións: Pixel films, Hospital La Rosaleda, Multicines Compostela, óptica Op-art, Asociación cultural Baleiro, Evox vertical, librería Basanta… entre outras. É a terceira curta do seu director, e tamén a terceira parte dunha pentaloxía adicada a os sentidos.  Estereoscopía é a vista.

A curta – Sinopse

A curta é un drama-fantástico, unha fábula que narra a historia de Emilio, un home que vive só nun pequeno apartamento, refuxiado no anonimato dunha grande urbe.  Un día ao ir traballar sufre un accidente que lle fai cambiar a forma de ve-las cousas.

Ficción e a realidade transmútanse na vida do protagonista.  A soidade e o triunfo, a cidade e o individuo, son os leivmotiv da narración.

A curta é un xogo coa linguaxe audiovisual; xoga coa maneira de narrar, de conta-las cousas. A partir da soidade do protagonista, illado na urbe, no seu paisaxe e na súa individualidade, a acción da curtametraxe céntrase nos anhelos e medos de Emilio.  O sentido da vista convértese no vehículo da narración e no obxecto indirecto do título.

Aínda que acaba de comezar a fase de promoción e distribución, xa foi seleccionada no Ljubljana Short Film Festival (Eslovenia), no Festival Internacional Metropolhis de Hospitalet Llobregat, e agora na sección oficial do Festival de Málaga de Cine español.