Máis de dous anos despois do outorgamento das primeiras concesións de televisión dixital terrestre (TDT) en Galicia e cando faltan menos de dous anos e medio para o denominado apagamento analóxico, a Academia Galega do Audiovisual analiza esta semana no seu Foro Academia Aberta a situación da televisión dixital na comunidade galega e os plans de acción dos principais grupos mediáticos beneficiarios destas licenzas de emisión. María Bouzas, Presidenta da A.G.A., Xaime Fandiño, un dos coordinadores do Foro, e Marisela Lens, xerente da Academia, presentaron hoxe en Santiado o programa do encontro.
“A televisión dixital en Galicia: novas tecnoloxías, novos servizos” é o título da quinta edición do Foro Academia Aberta, na que poden participar todos os académicos, profesionais e estudantes interesados, e que se desenvolverá este xoves 29 e o venres 30 de novembro no Hotel NH Obradoiro da capital galega.

Na presentación do Foro aos medios de comunicación, os directivos da Academia sinalaron que un dos principais obxectivos do encontro é que os concesionarios das TDT dean resposta, tanto aos profesionais do audiovisual como á sociedade galega en xeral, ás principais preguntas que flotan ao redor das novas licenzas televisivas, entre elas, cal vai ser a programación das novas canles, os recursos humanos e técnicos dedicados, número de postos de traballo de nova creación e polo tanto distintos dos da televisión analóxica actual, así como a posible redefinición dos postos de traballo.

Tendo en conta por unha banda os fortes investimentos que require a TDT e, por outra, a crecente competitividade do mercado pola constante aparición de novas canles de comunicación apoiadas na accesibilidade da internet, o Foro abordará cuestións como os plans de negocio e financiamento dos proxectos. Debatiranse as fontes de ingresos previstas, nun contexto no que de cando en vez algúns axentes da industria televisiva a nivel estatal alertan sobre as limitacións do financiamento publicitario e a necesidade de que o regulador permita que as novas TDTs sexan sufragadas en parte polos seus usuarios -televisión de pago-.

Na etapa dos concursos públicos, os beneficiarios das 49 licenzas TDT outorgadas en Galicia -4 autonómicas, incluídas as dúas para TVG, e 45 locais- asumiron uns compromisos de investimento directo que na súa totalidade roldan os 150 millóns de euros, a creación de 1.500 postos de traballo, o desenvolvemento de servizos interactivos, e unha porcentaxe media de emisión en galego por riba do 85%, segundo estudos do sector.

Os plans de acción no eido da I+D+i e o desenvolvemento de novos formatos e medios de difusión que aproveiten en certa medida as capacidades interactivas da televisión dixital serán igualmente obxecto de debate, posto que a nova televisión está chamada a ofrecer un produto de maior calidade tanto nos seus contidos como na cobertura e transmisión do sinal, así como unha maior innovación, pluralidade creativa e diferenciación.

No transcurso das dúas xornadas participarán expertos a nivel estatal e galego que describirán a situación da implantación da televisión dixital nos respectivos ámbitos territoriais. Entre os atrancos que en España atopa a nova tecnoloxía que por lei terá que substituír totalmente ás emisións analóxicas en abril de 2010 -o ano do apagamento analóxico- figuran a dificultade para renovar ou adaptar a tempo os televisores existentes nos quince millóns e medio de fogares, a adaptación de todas as antenas individuais e colectivas de televisión, e acadar a tempo a cobertura dixital terrestre no total do estado.

O Foro está patrocinado pola Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Consellería de Presidencia, a Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información da Consellería de Innovación e Industria, e a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deporte. Así mesmo, conta co patrocinio da Fundación Caixa Galicia.

Na inauguración do Foro, o Director Xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel Fernández Iglesias, presentará dúas guías titoriais sobre a TDT, elaboradas polo equipo de expertos da Oficina Técnica da TDT en Galicia para facilitar aos actuais concesionarios de licenzas de televisión dixital local o desenvolvemento dos seus proxectos en tecnoloxía dixital. Os volumes están destinados tanto aos concellos galegos interesados na explotación dunha canle de televisión dixital local como ás entidades privadas co mesmo interese.

Programa da primeira xornada, xoves 29

Tralo correspondente acto de inauguración do Foro, a mañá do xoves 29 está reservada ás intervencións de Alejandro Perales, Presidente da Asociación de Usuarios da Comunicación e membro do Foro Técnico da Televisión Dixital Terrestre, quen falará sobre a situación actual da televisión dixital en España, e de Francisco Campos, Profesor Titular de Xestión da Empresa Informativa e Audiovisual da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, quen se centrará na comunidade galega.

O bloque da mañá rematarase coa mesa redonda “TDTs locais, as empresas dos grupos editoriais”, na que participarán Xosé Manuel Dapena, Director de Marketing de El Ideal Gallego; Antonio Rodes, Director Xeral de EPI Radio TV, de Editorial Prensa Ibérica (editora do Faro de Vigo); Marga Soilán, Directora de Telelugo, do Grupo El Progreso; Luis Pérez, Director de El Correo TV, do Grupo El Correo Gallego, e Gerardo Iracheta, Director Xeral de Local Media TV.

A tarde comeza con outra mesa redonda, “TDTs locais, as empresas independentes e casos singulares”, coa presencia de Isidro Blanco Cortizo, Conselleiro Delegado de Dezavisión; Javier Otero Llovo, Director de Localia TV Galicia, e Fidel Fernán, Presidente-Director Xeral de A 7 TV e Radio Principal SA.

As últimas intervencións do día corren a cargo de Xosé María Besteiro, Director de Distrivisión, baixo o título “Distribución de contidos para televisión dixital” e Ricardo Domingo, Director de Barcelona Televisió, do Grupo ICB, cun relatorio sobre “Barcelona Televisió, unha televisión pública local de éxito”.

A xornada do venres 30

O segundo día arrinca coas presentacións e debate dos plans de acción dos concesionarios das TDTs autonómicas, na mesa redonda “As concesións de TDT autonómica en Galicia”. Participan Jesús Manuel Iglesias, Director-Xerente da TVG; Carlos Carballo, Responsable de TDT de Voz Audiovisual; e Rafael Ramos Barbosa, Responsable de TDT de Popular TV-Cope.

“As televisións públicas locais no tránsito ao dixital” da nome á seguinte sesión, na que expoñen os seus casos Juan Carlos Ojea, Director de Canal Tea, en Ponteareas, e Xosé Montero, Director de As Pontes TV.

O remate da mañá resérvase á mesa redonda “As asociacións de profesionais do audiovisual galego ante a televisión dixital”, coa presenza de portavoces da AAAG (Asociación de Actores e Actrices de Galicia); AGAG (Asociación Galega de Guionistas); APRADOGA (Asociacións de Profesionais da Rama Artística da Dobraxe de Galicia) e CREA (Asociación de Directores e Realizadores de Galicia).

Na tarde, “Os novos consumos televisivos” recolle o caso da empresa de televisión por Internet VIVOCOM explicada polo seu Director Xeral, Raúl de la Cruz, e a proposta dunha televisión de Caixa Galicia, por parte do Director de Marketing da entidade financeira, Jorge Mahía, quen describirá o papel da televisión no posicionamento dunha marca.

Na derradeira sesión do Foro, as asociacións de empresas do audiovisual galego amosarán a súa posición e estratexia ante a televisión dixital, e para isto contarase coas aportacións de representantes de AEGA (Asociación de Empresas Galegas do Audiovisual), AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes) e CLAG (Clúster Audiovisual Galego).