A A.G.A. PROMOVE O DEBATE SOBRE A 2ª CANLE DA TVG

13 / 05 / 2004

¿É necesaria unha 2ª canle da TVG? ¿Existe demanda social en Galicia? ¿É unha demanda do sector audiovisual? ¿Por qué sómo-la única Comunidade Autónoma que carece de 2ª canle de televisión autonómica? ¿Somos capaces de manter, economicamente, unha 2ª canle? Son todas elas preguntas que están xordindo no sector audiovisual galego, e que a Academia Galega do Audiovisual afronta decididamente.
A ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL PROMOVE O DEBATE SOBRE A CREACIÓN DA 2ª CANLE DA TVG

Santiago, venres 16 de xaneiro 2004. ¿É necesaria unha 2ª canle da TVG? ¿Existe demanda social en Galicia? ¿É unha demanda do sector audiovisual? ¿Por qué sómo-la única Comunidade Autónoma que carece de 2ª canle de televisión autonómica? ¿Somos capaces de manter, economicamente, unha 2ª canle? Son todas elas preguntas que están xordindo no sector audiovisual galego, e que a Academia Galega do Audiovisual afronta decididamente.

Velaí a razón de pormos en marcha un proceso de debate que comeza a vindeira semana, en Vigo, e que se concreta na celebración do “Foro 2ª canle TVG”. Un primeiro paso, un primeiro debate no que terán representación as cadeas autonómicas do Estado español e tódolos piares do sector audiovisual, ademais, por suposto, da propia sociedade galega. Un debate necesario tras cáseque unha vintena de anos de existencia da televisión autonómica galega, a TVG, e do importante crecemento do sector dentro do tecido industrial galego.

Sómo-la única Comunidade Autónoma que carece de 2ª canle. ¿Existen razóns para iso? ¿Non contamos coas condicións obxectivas que xustifican a posta en marcha dunha 2ª canle? ¿Témo-la suficiente entidade profesional no sector como para demandar e soster esa 2ª canle? Son moitas as preguntas que nos facemos, e moitas as respostas que temos que construír, e quizais, outras moitas buscar. De aí que, como representativa do sector, a Academia Galega do Audiovisual sexamos quen de da-lo primeiro paso que posibilite dar forma a este debate, canalizalo, promovelo e por suposto, organizalo. Porque consideramos que acadamos xa a maioría de idade no audiovisual galego, consideramos que estamos lexitimados para levar a cabo este debate que, a saber, pode se-la primeira pedra para a construcción dunha nova fase que axude a consolidar, proxectar e promove-los valores profesionais do sector audiovisual galego.

A vindeira semana, terá lugar este primeiro debate, este “Foro 2ª canle TVG” en Vigo. Pero este debate, non é máis que o comezo dun proceso que se desenvolverá ó longo de todo o 2004.

Categoría: Noticias
Etiquetas: