O Festival de Cine Internacional de Ourense recibíu, até o pasado venres 31 de agosto, un total de 128 longametraxes de 41 países de todos os  continentes do mundo. As películas, que xa se atopan fisicamente na oficina do OUFF, entran agora na fase de visionado para conformar a selección oficical de películas que concursarán no certame, do 2 ao 11 de novembro.  A convocatoria para o 17OUFF valórase dunha forma moi positiva: tendo en conta as cinco semanas de prazo coas que se contou para a recepción este ano -contra as 15 do ano pasado-, o número de longametraxes é moi semellante ao do 16OUFF, cun total de 177.

Por países, España é a principal orixe dos traballos recibidos, con 25 propostas, seguido de México (13), Alemaña (6) e un grupo de países americanos (Arxentina, Brasil, Canadá e Estados Unidos), con 4. Desde aí a chegar aos 41 países totais de procedenza, atopamos, maiormente, cintas europeas (20 países) e americanas (11), aínda que tamén hai outros países como Irán, Kenia, India, Islandia,  Bangladesh, Cuba ou Israel, por citar só algúns exemplos da diversidade de materiais recibidos. O apartado do audiovisual galego redúcese, este ano, a catro filmes.

Entre as curiosidades a destacar, a excelente calidade das propostas alemanas, un ano máis colocándose na avangarda europea da produción audiovisual, e a coincidencia temática de moitos dos filmes: conflitos ao redor da familia, problemas de fronteiras e a emigración copan a meirande das propostas. Aínda que tamén atopamos cuestións relacionadas co papel da muller na sociedade e, igualmente, críticas á actual forma de organización económica ou a procura de novas formas de organización política.

Outro dos puntos a valorar neste proceso é a atención recibida do mundo do audiovisual pese ao apurado da convocatoria. As  escolas do audiovisual, produtoras e distribuidoras máis importantes do cine independente estiveron atentas á nosa chamada. Así mesmo, foron moitos os profesionais que se interesaron pola convocatoria, tendo que deixar fóra do proceso interesantísimos traballos doutras metraxes. De feito, o total das películas recibidas alcanza a cifra das 226: trátase de documentais, sobre todo, pero tamén curtametraxes e longametraxes que non cumprían os requisitos da convocatoria.


17OUFF, na volta

Co visionado das cintas recibidas comeza o proceso de selección do 17OUFF, que empeza a coller forma desde este momento. Rematados os ciclos mensuais co peche do Baixo as Estrelas o pasado venres, a oficina do Festival traballa intensamente na posta a punto do único festival de cine internacional galego.