VOZ AUDIOVISUAL FINALIZA UNHA NOVA EDICIÓN DOS SEUS CURSOS

28 / 06 / 2013

Voz Audiovisual clausuraba onte unha nova edición da súa Escola de Ficción. O acto puxo o punto final a un intenso programa de formación no que os alumnos puideron traballar con algúns dos máis prestixiosos profesionais do audiovisual galego.

En pouco máis dun ano de vida, pola Escola de Ficción de Voz Audiovisual pasaron xa máis dun centenar de alumnos repartidos entre as tres especialidades que oferta: guión, interpretación e cámara e realización. Na tarde de onte, as instalacións da productora na Coruña, acolleron clausúraa da terceira promoción desta gran canteira de profesionais.

Ao acto asistiron unha representación do profesorado que durante estes meses traballou cos alumnos, así como os máximos responsables da productora. Carlos Carballo, director de Voz Audiovisual, agradeceu aos alumnos confiar na Escola de Ficción para formarse, á vez que puntualizou “que non se trata dun adeus senón dun ata pronto” xa que, do mesmo xeito que con anteriores promocións, “Voz Audiovisual espera contar cos integrantes desta edición nos seus novos proxectos”. Os profesores presentes tamén tomaron a palabra e todos eles coincidiron en animar aos alumnos a loitar polas súas ilusións nuns tempos tan complicados.

Durante a xornada, os alumnos puideron visionar parte dos traballos realizados durante o curso. Concretamente, proxectáronse tres curtametraxes nos que participaron os integrantes das tres especialidades. Logo dun duro traballo, guionistas, directores, operadores de cámara e intérpretes puideron ver o resultado dun interesante proxecto co que a productora pretendeu enfrontalos ás dinámicas propias dunha gravación profesional.

 

Novos cursos en setembro

O próximo mes de setembro dará comezo unha nova edición dos cursos de guión, interpretación e cámara e realización, con moitas novidades. A principal a ampliación da súa oferta académica. Así, as persoas interesadas en participar na Escola de Ficción de Voz Audiovisual poderán escoller entre dous cursos dentro de cada unha das tres especialidades que ofrece, un de iniciación e outro de perfeccionamento. A productora ten aberto o prazo de inscrición para esta nova edición, cuxo programa poder consultar en www.vozaudiovisual.com ou chamando ao teléfono 981 180 100.

 


Categoría: Noticias
Etiquetas: