O Centro Galego de Artes da Imaxe presenta mañá sábado día 25 de maio (18.00 horas), dentro da sección Off Galicia, o documental De Voces Ceibes a Milladoiro. Unha memoria do movemento popular da canción galega (1973-1978) de Antón Seoane e Segundo Grandío. Os propios directores presentarán o filme. A entrada é de balde. DE VOCES CEIBES A MILLADOIRO. UNHA MEMORIA DO MOVEMENTO POPULAR DA CANCIÓN  GALEGA (1973-1978)

(España, 2013)
Dirección: Segundo Grandío e Antón Seoane. Guión: Antón  Seoane. Produción: R e Casa de Tolos. Fotografía: Casa de Tolos. Duración: 125 minutos.
Entre os anos 1973 e 1978 acontecen toda unha serie de feitos sociopolíticos que afectan á música. O esmorecemento do movemento chamado Voces Ceibes -vinculado ao Partido Comunista- e a aceptación da música tradicional galega como elemento de identidade desvinculado da simboloxía franquista, a entrada de novas tendencias musicais de Inglaterra (pop), Francia e Irlanda (música celta) conflúen no nacemento de novas ideas e estéticas musicais. É a xénese da actual música folk. Protagonistas do momento como Quico de Cariño, Miro Casavella, Vicente Araguas, Rodrigo Romaní, Pilocha, os membros de Faíscas do Xiabre, Nonito Pereira, Xurxo Lobato, Bibiano, Pepe de Redondela…xunto ao guionista e codirector do documental, Antón Seoane, fannos entender e revivirmos aquel momento de explosión de ideas e de liberdade.