UXÍA BLANCO E ERIC BOADELLA CONVERSARON ESTA MAÑÁ NO CAFÉ COA PRENSA DO 19 OUFF

19 / 11 / 2014

O director Eric Boadella –Toastmaster– e a actriz galega Uxía Blanco- en representación dos 25 anos do cine galego- conversaron esta mañá sobre a situación actual do cine ademais de lembrar a celebración do cuarto de século das tres primeiras longametraxes en lingua galega, Continental, Urxa e Sempre Xonxa. 

Eric Boadella, director de Toastmaster, filme pertencente á Competición Oficial do 19OUFF, falou acerca da súa película. O seu é un filme rodado nos Ánxeles, en inglés e cuxa trama principal se desenvolve arredor dunha vella tradición armedia: a do brinde. Comentou que “os armenios consideran o brinde unha arte e en todas as familias hai un experto”. No caso de Toastmaster, os protagonistas son un inmigrante armenio en Estados Unidos e o seu sobriño, ao que lle ten que ser tansmitida a tradición.

A película “rodouse en trece días grazas á profesionalidade do equipo. Gravamos unha media de dez páxinas de guión por día, cousa que non foi difícil porque non é unha película moi pretenciosa . Foi fundamental o feito de que a rodaxe non fose dramática’. No tocante ás dificultade, gran parte delas foron relativas ao orzamento. Eric explicou como “malia conseguir 40.000€ mediante crowdfunding, esta cantidade era insuficiente e tivemos a sorte de atopar un inversor, Almatwins Productions, que nos permitiu rematar a rodaxe e distribuír a cinta”.

Percorrido pola historia do cine galego

A actriz Uxía Blanco destacou no encontro a importancia de Continental, Urxa e Sempre Xonxa nos inicios e desenvolvemento do cine galego e recalcou que “facer cine en Galicia é posible, pero facer cine en galego é necesario”.

Tamén quixo botar a vista atrás lembrando que “cando empezaron nos anos oitenta tiñamos boa calidade, pero fomos superados por outra xente coma os cataláns por ter eles un público que os apoiaba enormemente.”

Cine na actualidade

Uxía, no referente á situación actual, mostrouse partidaria das coproducións, ‘temos que unirnos aínda máis para conseguir éxitos’. Tamén comentou, poñendo como modelo a xestión cinematográfica en Francia que “aquí fai falta máis apoio institucional. Queremos reivindicar que as empresas poden desgravar todo o que se invirte en cine.’ Boadella concordou con ela en todo momento, recalcando a importancia de copiar modelos cinematográficos de fóra do país alegando que “o cine venezolano, por exemplo, está en moi boa forma. Todas as producións de Venezuela teñen que estar por lei dúas semanas en pantalla”.

Categoría: Noticias
Etiquetas: