ÚLTIMAS PRAZAS PARA O CURSO DE OPERADOR DE STEADYCAM DE VOZ AUDIOVISUAL

26 / 08 / 2013

Voz Audiovisual, productora da Corporación Voz de Galicia, poñerá en marcha o próximo mes de setembro unha nova edición da súa Escola de Ficción. A comezos de mes iniciarase o curso de operador de Steadycam e a finais os de guión de ficción para televisión, interpretación e cámara e realización. As persoas interesadas en participar nesta nova promoción aínda poden facer chegar a súa solicitude a Voz Audiovisual.

Para o curso de Operador de Steadycam, a productora selecciona persoas de dous perfís concretos: operadores de cámara profesionais que queiran especializase nesta técnica e profesionais do sector audiovisual ou estudantes que posúan coñecementos de cámara e queiran coñecer a filosofía de traballo dun operador de Steadycam, así como as posibilidades expresivas e técnicas que un sistema como este pode ofrecer.

Clase a clase, os alumnos do Curso de Operador de Steadycam de Voz Audiovisual  iranse penetrando no uso do estabilizador de cámara, asesorados e supervisados en todo momento por un profesor experto para que, a través da práctica, aprendan a montaxe, axuste, mantemento e utilización da Steadycam.

Voz Audiovisual mantén aberto tamén o prazo de matrícula para os restantes cursos da súa Escola de Ficción: interpretación ante a cámara, guión de ficción para televisión e cámara e realización; que darán comezo o próximo 26 de setembro. Como novidade, na que será a cuarta promoción da súa Escola, a productora ampliou a súa oferta formativa con dous cursos por cada unha das tres especialidades que existen.

O primeiro dos cursos existentes dentro de cada especialidade presenta un programa docente de 3 meses que se desenvolverá de setembro a decembro de 2013. Para os que desexen ampliar a súa formación, está o outro curso. Esta segunda opción, cunha duración de 2 meses, terá lugar en xaneiro e febreiro de 2014. En ambos casos, as clases desenvolveranse, como vén sendo habitual, de luns a xoves, de 17.00 a 20.30h, nas instalacións que a productora ten no polígono de Agrela, na Coruña.

As persoas interesadas en formar parte da cuarta promoción da Escola de Ficción de Voz Audiovisual poden obter máis información sobre os cursos na páxina web www.vozaudiovisual.com/cursos ou a través do teléfono 981 180 100 ou do correo electrónico cursos@vozaudiovisual.com.


Categoría: Noticias
Etiquetas: