O Centro Galego de Artes da Imaxe pecha esta semana a súa programación do ano 2013. Como colofón, dentro da sección de vangarda da programación, Desencadres, ofrece Últimas fronteiras, cinco propostas que presentan espazos xeográficos e personaxes afastados diso que se deu en chamar a civilización moderna. A presentación –coa presenza dos seus autores- de dous titulos galegos precedidos de premios e prestixio, O QUINTO EVANXEO DE GASPAR HAUSER de Alberto Gracia, premio en Rotterdam, e COSTA DA MORTE de Lois Patiño, premios en Locarno e Sevilla, acompaña títulos de Ben Rivers (TWO YEARS AT SEA), o propio Rivers e Ben Russell (A SPELL TO WARD OFF THE DARKNESS) e un clásico do cinema experimental, a fascinante LA RÉGION CENTRALE (1971) de Michael Snow.   

DESENCADRES: ÚLTIMAS FRONTEIRAS
En colaboración con: Zeitun Films.

Fóra de toda delimitación, arredados do recadro evidente, os Desencadres da nova programación do CGAI aproveitan a estrea de dúas importantes e premiadas películas galegas: O quinto evanxeo de Gaspar Hauser de Alberto Gracia e Costa da Morte de Lois Patiño. A sección da programación presenta un pequeno ciclo no que tanto o filme de Gracia, unha viaxe chea de sentido surreal da existencia e altas doses de humor en forma de, en verbas do seu autor, “traxicomedia do século XXI”, un título premiado en Rotterdam que recolle as pegadas do mito, e o de Lois Patiño, premio en Locarno, un poético percorrido por espazos de enorme beleza onde prima a moi particular relación entre imaxe e texto e mais a elaborada organización dos dispositivos formais, fanse acompañar doutras tres películas que, dalgún xeito, presentan espazos xeográficos e personaxes afastados diso que se deu en chamar a civilización moderna: o ermitán que habita nas Highlands escocesas de Two Years At Sea, de Ben Russell, ou o músico Robert AA Lowe que conforma o eixe dos tres episodios de A Spell To Ward Off The Darkness, a longametraxe froito da colaboración entre o propio Rivers e Ben Russell, o dúo ao que o CGAI e S8 Mostra de Cinema Periférico lle dedicaron un ciclo en xuño deste mesmo ano, película que agora se presenta como première en España. Os escenarios dos filmes de Rivers e Russell, tamén os dos de Gracia e Patiño, ben puideran ser os mesmos ata os que o artista canadense Michael Snow levou a súa cámara en 1971 para filmar, desde un dispositivo robotizado, a súa mítica La Région Centrale, que o catálogo do último Festival de Rotterdam definía como “a película experimental máis espectacular realizada en calquera lugar do mundo”.

Martes 17 (20.30 horas) e mércores 18 de decembro (18.00 horas). Presentación  por Alberto Gracia o martes (entrada de balde).
O QUINTO EVANXEO DE GASPAR HAUSER
Alberto Gracia, 2013. Con Josecho, Sara García, Oliver Laxe. 61’.   
Novo episodio das peripecias do enfant sauvage Gaspar Hauser, acompañado do seu querido cabaliño de madeira. Suxeito imposible, Gaspar ten nesta ocasión a personalidade fragmentada en cinco personaxes arquetípicos: un anano sadomasoquista, unha sedutora doncela, un tipo cínico e déspota, un mariñeiro romántico e un batman patético, encarnado polo propio Gracia. Un antiheroe de bata e zapatillas, fumador compulsivo, que representa a inadaptación do home decepcionado, o home que pensa, o home que é deste mundo sen selo. Unha viaxe chea de sentido surreal da existencia e altas doses de humor, “traxicomedia do século XXI”. Título galego premiado en Rotterdam.  

Mércores 18 de decembro (20.30 horas)  
A SPELL TO WARD OFF THE DARKNESS
Ben Rivers e Ben Russell, 2013. Con Robert Aiki, Aubrey Lowe. 98’.   
Presentada en Locarno, unha persoal exploración das posibilidades dunha existencia espiritual. Etnografía participativa, unha mestura de accións coreografiadas de non-actores e paisaxes nórdicas nunha tentativa de trascender a experiencia proposta e saltar por riba da noción de tempo. Último filme de Ben Rivers e Ben Russell, presentes no CGAI este ano.  
   
Xoves 19 de decembro (18.00 horas)
TWO YEARS AT SEA
Ben Rivers, 2011. Con Jake Williams. 88’.  
Un ermitán, antigo mariñeiro, reside nas Highlands escocesas. Fermosísimo e poético filme que recolle a vida cotiá deste home. Gañadora dun premio FIPRESCI en Venecia.

Xoves 19 (20.30 horas) e venres 20 de decembro (18.00 horas). Presentación ao coidado de Lois Patiño o xoves (entrada de balde).
COSTA DA MORTE
Lois Patiño, 2013. 83’.
A Costa da Morte é unha zona de Galicia que foi considerada a fin do mundo durante o Imperio Romano. O seu dramático nome provén dos numerosos naufraxios que se sucederon ao longo da historia nesta área feita de rochas, brétemas e temporais. Atravesamos esta terra a obser
varmos as persoas que a habitan: pescadores, mariscadores, madeireiros… Somos testemuñas do traballo que realizan, co cal manteñen á vez unha relación íntima e unha batalla antagónica coa inmensidade do territorio. O vento, a pedra, o mar, o lume, son personaxes neste filme, e a través deles achegámonos ao misterio que supón a paisaxe, entendida como unha unidade xunto ao home, a historia e o mito. Poético filme galego premiado en Locarno e Sevilla.  

Venres 20 de decembro (20.00 horas)  
LA RÉGION CENTRALE
Michael Snow, 1971. 190’.
Un dos filmes lendarios que ligan documental e vangarda. Bautizada no ultimo catálogo de Rotterdam como “a película experimental máis espectacular realizada en calquera lugar do mundo”, foi rodada cunha cámara robotizada situada no alto dunha montaña no deserto canadense, en pleno inverno. Snow controlaba o movemento dun brazo mecánico da cámara co que mostraba leves rutinas. Dicía que o seu obxectivo era amosar o tipo de imaxes que unha nave extraterrestre chegada á Terra enviaría ao seu planeta de orixe. Un filme fascinante, único, inesquecible.