TVG EMITE A TERCEIRA TEMPADA DE «DOA A DOA» OS DOMINGOS POLA NOITE

1 / 12 / 2008

Dende onte domingo, 30 de novembro, ás 21:15 h., comezou a emisión da terceira tempada do programa de TVG, «Doa a Doa», un novo formato, creado por IBISAtv, e pensado para manter viva na pequena pantalla, a tradición oral galega.
«Doa a Doa» conta esas pequenas historias de vida que moitos de nós coñecemos porque nolas contaron os nosos avós, un patrimonio oral e unha riqueza histórica e documental que se está a perder e que é necesario conservar, pois forma parte da nosa íntima memoria.

«Doa a Doa» está dirixido por Valentín Carrera e Elena Gómez Gálkina, con deseño de Uqui Cebra, música orixinal de Faltriqueira, e Carlos Vázquez e Rosa Gómez Limia, como entrevistadores.

O sol, a lúa, a feira

Nesta terceira tempada, e a través deste novo formato de IBISAtv, a TVG voltará a reunir a toda a familia arredor da televisión para escoitar como era a vida dos nosos avós cando eran novos, e con eles o espectador percorrerá a historia recente de Galicia, descubrindo como se facía o pan, como se vivía a vendima, como era a vida nos anos cincuenta.

Esta nova etapa do programa ábrese co capítulo «O sol, a lúa, a feira», centrado nas feiras como centro do calendario. Trocar, mercar ou vender eran a desculpa para ir a feira a ver, escoitar, falar e contar a escusa para comer, beber ou folgar.

Categoría: Noticias
Etiquetas: